Archivo

O Partido Popular de Tomiño critica que a “improvisación” do Goberno local coa organización da Cabalgata dos Reis Magos vai prexudicar de xeito importante ao comercio local de Tomiño, e por iso pide que reflexionen e manteñan o percorrido pola rúa principal e comercial do concello.

O voceiro do PP, Esteban González, cuestiona que o percorrido da cabalgata se peche a dous días da cita e se faga cun cambio do trazado que vai desviar toda a atención nun dos días de máis movemento e vendas no comercio local cara a rúa da Guarda. “É incomprensible que a 48 horas da Cabalgata se confirme que se quita da rúa principal e comercial de Tomiño, o que supón que mentres o comercio está aberto un domingo, porque é un dos días con máis fluxo nas vendas, o Goberno move a todas as familias, a todos os clientes potenciais, para outra ubicación”.

Ademais, recorda que “a pesar do conflito laboral que o Goberno ten coa Policía Local, os axentes xa confirmaron que para garantir a seguridade o día 5 van traballar a cambio de nada”. Polo tanto, engade, “non hai nin unha soa razón para cambiar o percorrido da Cabalgata e, moito menos, facelo de presa e correndo e sen telo consensuado co comercio local”.

Outra das queixas dos populares é que a día de hoxe, e tamén froito da improvisación de deixar todo para o último día, os únicos doces que se garanten na cabalgata son os que cedeu unha entidade bancaria, pero dos que descoñecen si son con glute ou sen glute. “O problema é que, sabendo isto, o Concello tampouco fixo nada ao respecto, e non se preocupou por mercar máis caramelos para garantir doces para todos os nenos por igual”.