PP DE GONDOMAR

O Partido Popular do Val Miñor, móstrase moi preocupado pola situación actual do Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Val Miñor (GES) e critica a total inacción, tanto do actual presidente da Mancomunidade, Juan González, como dos anteriores presidentes, Carlos Gómez e Paco Ferreira.

«Este conflito no Ges xa ven dende a lexislatura pasada e vaise agravando cada vez mais, sen que os diferentes presidentes da Mancomunidade do Val Miñor, os tres do PSOE,  fixeran nada ao respecto, mais ben todo o contrario, miran para outro lado ata que ocorra algo moito máis grave», sinalan os populares.

Desde os Partido Popular do Val Miñor piden a Juan González, actual presidente, que tome cartas no asunto e que non siga negándose a escoitar as partes implicadas e busque unha solución a este conflito «que seguramente redundará nun mellor servizo de emerxencias aos veciños do Val Miñor».

Consideran os representantes do Partido Popular que os alcaldes do Val Miñor non son conscientes da importancia de que a comarca teña un bo servizo de emerxencias, «e proba diso é a súa falta de implicación neste asunto como en dotar de máis efectivos ao servizo como quedou demostrado hai máis de medio ano».

 “O presidente da Mancomunidade non fai nada para solucionar o grave conflito interno no Grupo de Emerxencias do Val Miñor, deixando pasar o tempo e mirando para outro lado  , sufrindo os veciños do Val Miñor as consecuencias da súa falta de xestión. Parece que o que queren os alcaldes de Nigrán, Gondomar e Baiona é desmantelar o servizo e disolver a mancomunidade”, argumentan os representantes do Partido Popular.