O concello de Gondomar volve a perder outra subvención por non executala e xustificala en prazo. Así o asegura o Partido Popular da Vila Condal quen indica que se trata dunha axuda de 120.000 euros para o arranxo da estrada central do polígono de A Pasaxe en Vincios.
Os populares de Gondomar culpan o alcalde Paco Ferreira de perder esta axuda que sería moi importante para o desenrolo do polígono de A Pasaxe, «o motor industrial do concello». Paula Bouzós cifra «en mais de medio millón de euros de subvencións perdidos por este goberno municipal, aparte das subvención que non se piden».
O 17 de xaneiro do ano 2018 a Xunta de Galicia publicou unha convocatoria de subvencións destinadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia. O concello de Gondomar presentou a solicitude para a reparación do vial e canalización de pluviales do eixo central do polígono de A Pasaxe.
En resolución de 21 de xuño de 2018 Consellería de Industria concede ó concello de Gondomar á contía máxima subvencionable, 120.000 euros, dando de prazo ata o 31de outubro para presentar a documentación xustificativa da subvención, prazo que foi ampliado ó 15 de novembro de 2018. «Chegado este prazo o concello non executou nin un euro da axuda«, afirma Bouzós.
A presidenta do PP de Gondomar, Paula Bouzós, «quere recordarlle ó alcalde que o polígono de A Pasaxe é o motor industrial e económico do concello, e tanto a perda desta subvención como a paralización á que está sometida a primeira fase de urbanización por falta de decisión política, non benefician para nada os veciños de Gondomar«. Aproveita a presidenta do PP gondomareño para «esixirlle ó alcalde que poña en marcha dunha vez á urbanización da primeira fase do polígono para canto antes poder facer a ampliación do polígono comprometida por Zona Franca».
«Estamos agora nunha fase na que este Goberno lle dedica mais tempo a atacar os que ata fai pouco eran os seus socios de goberno e desmentir información que estes publicaban, desatendendo as necesidades dos veciños e neste caso dos empresarios«, argumenta Bouzós.
