Concelleiros do PP de Gondomar e vocal do PP na Entidade Local de Morgadáns, trasladáronse ata o barrio de A Pedra para ver o estado das obras, despois de recibir as queixas de varios veciños da zona.

Na visita, os membros do Partido Popular puideron comprobar as incomodidade ás que se enfrontan diariamente os veciños e escoitaron «as queixas polo lento avance das obras e pola nula contestación que reciben do Goberno municipal ás queixas e recomendacións que veñen facendo durante o desenvolvemento da obra».

“Os veciños quéixanse do atraso que acumula a obra e das solucións técnicas que se están acometendo sen atender as demandas feitas. Denuncian tamén de que nalgunhas zonas a altura final da obra vai facer que a auga entre nas súas casas, ou que a partir da entrada do cemiterio non se coloque tubaxe de desaugue das pluviais, polo que nos días de choiva a auga irá toda por riba do camiño”, explicaba Paula Bouzós, voceira do PP de Gondomar.

A obra de acondicionamento e saneamento do barrio da Pedra comezou o pasado 17 de marzo e debería estar rematada o pasado 17 de agosto. «En agosto, e trala solicitude da empresa concesionaria, o alcalde concedeu unha prórroga ata o vindeiro 17 de novembro, data na que, en vista do estado actual, non estarán acabadas as obras», sinalan os populares.

Desde que comezaron estas obras son moitas as incomodidades que veñen sufrindo os veciños e demais persoas que queren acceder ao cemiterio, xa que «o único xeito de facelo é a pé, cando o tempo e as obras o permiten, incrementándose nos días de enterro», apuntan.

Debido a isto, o Partido Popular presentou por rexistro no concello unha petición de pleno extraordinario, solicitando a comparecencia da Concelleira de Obras, Iria Lamas, «para que de explicacións dos motivos dos atrasos das obras e o porqué non se teñen en conta as recomendación feitas polos veciños, para que a obra quede o mellor posible», rematan.