CEDIDA

O Partido Popular de Gondomar denuncia que pasado xoves unha vivenda do barrio de Rocha en Vincios se veu asolagada coa auga procedente do saneamento o atascarse o tubo coas pedras que quedaron dentro do mesmo durante a realización dunhas obras no camiño, “adxudicadas polo concello de Gondomar”.

“Non sabían onde estaban as arquetas ó estar estas tapadas polo asfalto do camiño, o que dificultou os traballos para atopar a zona onde estaba o tapón. Non entenden que cando se asfalta un camiño hai que deixar as arquetas á vista, pensando sobre todo nuns casos de urxencia como este“, indica a voceira dos populares, Paula Bouzós.

“A veciña que miraba como polas tubaxes de desaugue do baño lle saía a auga procedente do saneamento, chamou ó concelleiro responsable de obras, contestándolle o mesmo que non podía achegarse nese intre e que se arreglara como puidera”, explica Bouzós, que se achegou ata ó lugar en canto tivo coñecemento do problema.

O concelleiro de obras foi ata o lugar ó día seguinte con persoal da brigada de obras pero insistía en que a inundación non era culpa do saneamento e que as obras se executaran ben, ata que chegou unha empresa, se puxo a picar e atopou o problema, que non era outro mais que o atranco da tubaxe con dúas grandes pedras procedentes das obras alí executadas“, matiza a voceira popular.

A veciña puxo en coñecemento das autoridades os defectos ocasionados na súa casa, co fin de que, unha vez solucionado o problema e cambiada a tubaxe, se lle abonen os gastos ocasionados na súa vivenda, e que por parte do concello se faga o seguimento das obras que se executan, para evitar que outros veciños teñan que padecer as consecuencias dunhas actuacións mal realizadas.

Bouzós asegura que na parte baixa do camiño afectado, tamén se pode apreciar como o asfalto recen botado se está afundindo “debido a non compactación do terreo, polo que en nada se terán que volver a facer obras para a reparación do mesmo. Tamén se canalizaron todas as augas cara a un só desaugue que remata na finca dun veciño en lugar de levalas ó regueiro que existe a poucos metros, o que fai que nestes días de choiva os campos estean todos encharcados, como si dunha piscina se tratase. Neste caso, o concelleiro de obras que ademais é veciño da parroquia, se comprometera a subministrar os tubos necesarios para dar saída a esta auga, sen que despois de varios meses tiveran mais noticias”.

Estes feitos veñen a ratificar as denuncias do PP gondomareño, que mira como nos derradeiros días se están executando por parte do concello obras a marchas forzadas e sen ningún control, só para que o alcalde Paco Ferreira poida xustificar o que non fixo durante estes catro anos de mandato“, finaliza a voceira dos populares de Gondomar.