O grupo municipal do PP de Gondomar vén de esixir ao goberno local o arranxo inmediato do Camiño do Galisteo, na parroquia de Mañufe, ante o seu mal estado, que xera dificultades de acceso ás vivendas e outros problemas de salubridade polo elevado tamaño da maleza.
A voceira municipal, Paula Bouzós, cualificou a situación da vía de “lamentable” tras reunirse a comezos de outubro cos veciños de Galisteo, acompañada doutros membros do grupo municipal do PP, e comprobar in situ, tras un percorrido polos camiños deste núcleo, o mal estado no que se atopan desde hai bastante tempo. A concelleira popular a aproveitou esta visita na defensa da moción que presentaron os populares no pleno do mes de outubro e que foi aprobada por unanimidade dos concelleiros.
No mesmo pleno lembrou que os veciños manifestáronlle que xa levaban moito tempo denunciando ante o alcalde Paco Ferreira e o anterior concelleiro de obras Manuel Chamorro as deficiencias que tiñan para poder acceder ás súas vivendas, sen que ata o de agora fixeran nada por resolver o problema, motivo polo cal presentaron a moción para instar ao executivo de Francisco Ferreira a iniciar de inmediato as xestións necesarias -permisos, proxecto e financiamento- para o seu arranxo.
“Os veciños trasladáronnos o estado de abandono no que os ten sumido o goberno local, xa que denunciaron en moitas ocasións o mal estado das pistas ante o alcalde e o anterior concelleiro de Obras e a necesidade de solucionar estas deficiencias sen que lles fixeran ningún caso, pero o PP vainos respaldar sempre e ata o final porque o que piden é máis que necesario e de absoluta xustiza para que os 120 veciños deste lugar estean atendidos en boas condicións”, apostilou Bouzós.
Así mesmo, o PP de Gondomar tamén reclama que se proceda á retirada dun poste de telefonía situado no medio da pista que dificulta moito a circulación de vehículos e a limpeza da maleza de gran tamaño, que ademais de dificultar a visibilidade, xera insalubridade coa presenza de ratas de gran tamaño.