O grupo municipal do PP de Gondomar está convencido de que a Praza Manuel Alonso, mais coñecida como Alameda, necesita un arranxo urxente do pavimento, saneamento, subministro auga, desaugues, etc., «pero non se pode facer o que se pretende nese proxecto». Afirman que xa llo dixeron ao Alcalde en abril cando o Ferreira o aprobou “in extremis coa súa maioría absoluta e nun pleno convocado con menos de 24 horas, e o volvemps dicir agora».
Comenta Paula Bouzós que “no pleno do luns aprobouse co noso voto a favor, retirar da orde do día a adxudicación das obras da Praza Manuel Alonso (Alameda), para que volva a pleno con un proxecto consensuado entre todas as forzas políticas, veciños e comerciantes, que non é o mesmo que di o Sr. Ferreira de que votamos en contra do proxecto”.
A voceira aclara que no pleno quedou claro que non se perden estes cartos, que o prazo para facer as obras remata en abril de 2025 e que polo tanto hai tempo dabondo para consensuar unha solución a esta praza. Xustifican os populares que eles votaron a favor de retirar a adxudicación das obras da orde do día «polas contradicións entre o que di o proxecto e o que di o alcalde, que non coincide, que porque este proxecto é moi mellorable».
Segundo o PP de Gondomar o que di o proxecto que foi a pleno «é que só se pode circular en sentido descendente pola rúa San Bieito, que as rúas Manuel Losada e Cruz de Mera quedan restrinxidas só para residentes, que non é o mesmo que sexan residenciais, que non se vai a poder parar en toda a praza, que para iso vai colocar 93 bolardos de 1 metro de altura, para que non se poida nin abrir a porta do coche, que non se vai a poder aparcar pegado ao cemiterio, que para iso coloca tres bolardos que impiden o acceso de coches. Ademais nos planos de circulación mixta non aparece esa zona como zona de paso de vehículos«, sinala Bouzós.
Afirman tamén os populares que nese proxecto «toda a praza vai ser nun só nivel, toda empedrada e que só vai poñer oito árbores ao longo da rúa Manuel Losada, e vai a colocar entre estas árbores, cinco farois que custan 125.000 euros, que entre as zonas de aparcamento da alameda e a zona pegada ao cemiterio vén quitando máis de 40 prazas de aparcamento, porque non vai permitir o acceso a ese aparcamento pegado ao cemiterio e que no proxecto non están os sinais informativos e de tráfico a colocar, polo que non está claro que sinais vanse colocar».
Paula Bouzós preguntoulle no pleno ao alcalde por onde vai desviar o tráfico dos veciños de Chaín, Morgadáns e Peitieiros, si polas Rúas Ánimas, Pereiras, Emigrante e Conde de Gondomar, ou pola estrada que vai por riba da igrexa. Tamén cuestionou si esas vías estaban acondicionadas para soportar o volume de tráfico que van ter ao pechar a rúa Manuel Losada.
A Concelleira popular coméntalle ao Alcalde que se vai a poder circular por Manuel Losada «que modifique o proxecto e que o traia modificado ao pleno, que poña tamén no proxecto as zonas onde se vai a poder parar e as zonas de carga e descarga, que cambie os farois de 125.000 euros e no seu lugar execute o arranxo do aparcadoiro de San Bieito».
Bouzós lémbralle que os pregos de adxudicación que aprobou o alcalde, este decantouse polos farois «en lugar de arranxar o aparcadoiro que custaba 80.000 euros» e pídelle que permita o acceso ao aparcadoiro pegado ao cemiterio, e que poña máis zonas verdes nesa praza.
Finalmente, revelou que o propio alcalde “está obcecado” con esta remodelación «malia que sabe que pode ser prexudicial, porque do contrario accedería de mutuo propio a retirar do pleno o expediente e baixarse a negociar coa oposición, veciños e comerciantes un proxecto satisfactorio para todos».