O grupo municipal do PP de Tomiño vén de anunciar a inminente presentación dunha moción ante o pleno da corporación municipal, que terá a vindeira sesión ao longo da próxima semana, para solicitar máis apoio e a concesión de axudas para as grandes comparsas locais do Entroido, así como a potenciación do emblemático Venres de Foliada co que se abren estas festas no concello.

A proposta dos populares inclúe, en primeiro lugar, a realización de accións de promoción e a concesión de achegas económicas para desprazamentos e materiais a prol das entidades de música e baile Luces, Revolución Show, Estrelas da Noite e Ciklón.

“Cremos que é imprescindible apoiar moito máis a estas comparsas, incluso concedéndolles algunha axuda económica que non supón case nada para as arcas municipais, pero que a estas entidades lles servirá de gran empuxe. Son un orgullo do noso pobo e nelas participan centos de persoas do noso concello, difunden a nosa cultura, fan que sexamos unha referencia no Entroido e levan o nome de Tomiño por toda Galicia e Portugal con moita animación e espectáculos de gran calidade”, salientou a voceira municipal, Lara Meneses.

A concelleira popular, que tamén quixo recoñecer o gran labor que fan outras comparsas máis pequenas e comisións de festas que circunscriben o seu ámbito de actuación ao municipio durante o Entroido, considera que nunha primeira fase “hai que axudar a aquelas formacións máis grandes, que se moven por todo o territorio e que teñen máis gastos, pero máis adiante habería que estudar a posibilidade de respaldar tamén a todos aqueles colectivos que fan grande o Entroido de Tomiño”.

Así mesmo, a moción do PP tomiñés tamén incluirá a organización, por parte do Concello, dunha programación máis ampla para o “Venres de Foliada”, que é a xornada inaugural do Entroido na que se presentan, cun espectacular pasarrúas, as comparsas locais e as procedentes doutras localidades nun acto festivo que reúne a milleiros de persoas na vila.

O Venres de Foliada é, xunto ao día grande das Festas do Alivio, a data na que máis xente hai de longo en Tomiño, pero cremos que a súa concepción debe ser moi mellorada porque, cando rematan as comparsas, non hai máis programación e a moitísima xente que vén vaise para as súas casas e precisamos que queden en Tomiño para que xeren un importante retorno socioeconómico. Para elo precisamos que ese día haxa máis actividades complementarias que lle imos esixir ao Concello”, concluíu Meneses.