O grupo municipal do PP de Tui ven de criticar a creación do Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana, comunmente coñecido como o imposto de plusvalía, a proposta do alcalde, Enrique Cabaleiro, e co apoio do BNG na sesión plenaria ordinaria celebrada o pasado xoves 30 de novembro.
Os populares opuxéronse ao establecemento deste novo tributo, “xa que non suporía unha gran recadación para o concello pero si que suporía un esforzo para aquelas persoas que, por exemplo, reciban unha herdanza” e advertiron que se negarán a respaldar calquera suba de impostos municipais proposta polo executivo socialista “ata que o Concello non conte cun plan económico”.
Neste senso, lamentaron que a política económica municipal “avance sen rumbo e que o Concello de Tui non teña un plan acaído á realidade actual e se manexe cuns orzamentos prorrogados hai anos”.
Por outra banda, o PP conseguiu a aprobación das súas mocións para incrementar nun 50% a axuda á asociación asistencial SOS Tomiño Baixo Miño ata os 12.000 euros anuais e para corrixir o illamento e os problemas de acceso na rúa Bispo Salvado e na contorna de Riomuíños co apoio, en ambos casos, de BNG e Cx21. «Por elo, e dado que o PSOE non respaldou ningunha destas propostas, advertimos de que lle vamos a esixir ao alcalde que cumpra os acordos plenarios como é a súa obriga” e anunciaron que estarán «vixiantes para que se respecte a vontade da inmensa maioría da corporación e as necesidades dos veciños».
Así mesmo, o pleno tamén respaldou a moción popular para crear unha comisión de traballo, conformada polos catro grupos municipais, para abordar o problema do aparcamento no centro da cidade de Tui, “que é, sen dúbida, un dos maiores problema desde hai moitos anos e que incluso estase acrecentando coas políticas do equipo de goberno”. O grupo municipal do PP lamentou o “escaso interese do alcalde” neste punto malia que os socialistas tamén respaldaron esta iniciativa e pediulle “proactividade e solucións” no que respecta ao estacionamento urbano.
Finalmente, tamén saíu adiante a moción conxunta presentada polo PP e Cx21 para a creación dun Centro de Información á Muller (CIM) malia que o BNG votou en contra, “xa que estaba máis preocupado en facer política con esta proposta presentando unha moción completamente politizada na que as mulleres de Tui non eran a súa prioridade, que en apoiar a creación dun servizo tan necesario no noso concello», rematan desde o PP de Tui.