O grupo municipal do PP de Tui vén de responsabilizar ao alcalde, Enrique Cabaleiro, do déficit do servizo de recollida de lixo e limpeza, cifrado en 453.000 euros anuais, “recordamos que leva oito anos gobernando” e lamenta as súas «contradicións e a mala xestión» por pedir bonificacións para “tentar xustificar a suba dos recibos en mais dun 100%” cando renunciou a elas durante os últimos catro anos”.

Os populares ofreceron tódalas cifras sinalando que o Concello remite anualmente a Sogama, para o seu tratamento, «algo máis de 5.000 toneladas de residuos orgánicos, pero, dado que desbotouse dos descontos desta sociedade pública está a perder entre 42.000 e 50.000 euros por exercicio».

Neste senso, indicaron que o Concello de Tui adheriuse ás bonificacións en 2019 e aproveitounas nese ano e tamén en xaneiro de 2020, «pero saíuse fóra tras non xustificalas polo que o Concello perdeu uns 200.000 euros nestes últimos catro anos”, apuntan os populares.

O PP cre que é o rexedor e os socialistas de Tui “son os que teñen que dar explicacións sobre estes feitos”, porque incidiron en que teñen a responsabilidade de dirixir o Concello. Por iso, a suba fiscal da taxa do lixo é cousa exclusivamente súa e a solicitude de bonificacións a Sogama tamén é da súa competencia “agás que queira que lle fagan o traballo”.

Os populares engadiron que o déficit do servizo en Tui “só medra pola mala xestión do alcalde”, xa que a Xunta aporta achegas ao abeiro do Fondo de Cooperación Local e ademais asumirá 24 dos 42 euros -o 60%- da actualización do canon de Sogama malia que a mesma vén derivada da aprobación do imposto á incineración por parte do PSOE en Madrid.

Se chega toda esta axuda da Xunta e ínstanos ao PP a pedir bonificacións, a el que traballo lle queda por facer?”, ironizaron desde o PP. Os populares apuntaron ademais que o sobrecuste para as arcas municipais por esta actualización de Sogama repercutirá unicamente en 90.000 euros anuais ao Concello de Tui, xa que os 120.000 restantes serán asumidos pola Xunta.