GOOGLE MAPS // Avenida de Portugal

O Grupo Municipal do Partido Popular de Tui, congratúlase pola noticia anunciada onte pola Subdelegada do Goberno en Pontevedra da próxima licitación do entorno da Aduana e do tramo da Avenida de Portugal (Nacional 551) dende o cruce coa estrada de A Guarda. «É unha boa noticia este anuncio que da solución a unha vella demanda da sociedade tudense«, indican os popular tudenses.

Pero, ao mesmo tempo, este grupo municipal popular deplora «o uso partidista que o PSOE realiza dunha obra que ven sendo reclamada polos tudenses dende hai anos, tanto a nivel de goberno municipal como a nivel de Parlamento de Galicia. E que agora parece que é froito exclusivo do novo goberno municipal, que recolle o traballo de anos dos representantes institucionais do PP«, afirman.

Os populares declaran que «haberá que lembrarlle ao Alcalde de Tui e a Subdelegada do Goberno que esta obra xa foi reclamada polo goberno municipal no mandato de Moisés Rodríguez Pérez, polo que resulta cando menos sorprendente que o Alcalde de Tui manifeste que foi a primeira memoria valorada que realizamos cando chegamos ao goberno en 2015, como se os trámites anteriores non existiran«.

Máis ala foi o parlamentario do grupo popular, o tudense Moisés Rodríguez, «que presentou e defendeu unha Proposición Non de Lei o 18 de outubro de 2018, aprobada por unanimidade na que se demandaba ao Ministerio de Fomento a realización desta obra. Xa daquela Rodríguez afirmaba o obxectivo destas obras é preparar as sendas do Camiño de Santiago para a celebración do Xacobeo 2021”, explican.

Esta obra tamén fora acordada tras a visita ao lugar da Ministra de Fomento Ana Pastor, no ano 2016 e posteriormente, en 2017, na Comisión de Seguridade Vial dos Camiños de Santiago promovida pola Delegación do Goberno en Galicia e integrada por representantes das administración central e da Xunta de Galicia.

«Resulta pois evidente que esta insistentemente reclamada intervención non é froito exclusivo do labor do actual goberno municipal tudense que agora quere atribuírse un mérito que non lle corresponde en exclusiva, senón que se culmina un longo proceso no que interviron moitos axentes institucionais«, manifestan os populares.

Dende o grupo municipal do Partido Popular tudense agardan que «este proxecto supoña autenticamente un cambio substancial tanto na seguridade viaria dos peregrinos que entran en Galicia e dos usuarios deste vial como tamén unha transformación na imaxe que Tui, e consecuentemente Galicia e España, ofrecen aos peregrinos e visitantes na entrada ao seu territorio que actualmente está completamente degradada e que estea á altura, cando menos, da fronteira da cidade irmá de Valença«.