O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Tui quere expresar o seu «estupor diante da iniciativa do goberno municipal coas obras realizadas na rotonda de Guillarei, cun investimento de 47.908,79 euros, e que nestes días está na boca de todos os tudenses que amosan a súa sorpresa diante de tamaño desleixo».

«O proxecto foi investir 48.000 euros na reordenación desta rotonda segundo a nota de prensa publicada no seu día polo Concello de Tui: A proposta a executar ten por obxectivo o embelecemento desta entrada ao centro urbano dotándoa dun carácter representativo e diferencial, xerando un espazo de baixo e doado mantemento (…) incluíndo elementos representativos da cidade coma será unha peza de aceiro corten que emulará a muralla tudense (…) Tamén haberá outras dúas estruturas en aceiro corten a modo de columnas catedralicias sobre as que trepará unha parra”.

«Calquera cidadán tudense que se achega ata o lugar poderá comprobar directamente o enorme despropósito que supón esta obra destinada ao embelecemento da entrada á nosa cidade e que agora é un monumento á incompetencia da Concellería de Parques e Xardíns e que desacredita o rigor do traballo do goberno municipal que tamén é responsable deste desaguisado», indican os populares.

«No obxectivo de realizar nesta rotonda un espazo representativo da cidade de Tui todos podemos coincidir, pero o que dende o Grupo Municipal do PP censuramos é investir 48.000 euros de recursos públicos en tamaño desaguisado como é o resultado final da intervención realizada nesta rotonda«, explican.

«Este Grupo Municipal xa requiriu información no último Pleno Municipal e solicitará explicacións desta actuación municipal carente dunha mínima consideración estética que resalte os verdadeiros valores de Tui e os seus recursos patrimoniais e turísticos (onde están a muralla ou a catedral tudense?), conseguindo todo o contrario, a sorpresa e a hilaridade xeral, pero tamén carente dun mínimo rigor ético na xestión dos recursos públicos, pois está claro que son 48.000 euros estragados inutilmente por unha deficiente xestión do goberno municipal«, finalizan.