O grupo municipal do PP do Rosal vén de anunciar na xornada de hoxe a súa absoluta oposición e rexeitamento á suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI) de natureza urbana nun 29% que propón o bipartito e pídenlle ao Goberno local que reconsidere a súa postura, xa que entenden que esta medida supón “atracar aos veciños”.

Os populares revelaron que o executivo “trata de esquilmar ás familias do Rosal cun sablazo fiscal” que se debaterá nun pleno extraordinario a celebrar este serán (20.30 horas en primeira convocatoria) “e que ten como único obxectivo tapar os seus pufos, a súa crecente débeda e, como eles mesmo admiten, os seus propios gastos de persoal”.

«Neste censo, a proposta de suba do IBI de urbana do goberno local contempla un incremento do tipo impositivo desde o 0,45 no que está fixado na actualidade ata o 0,58, unha cifra que no PP rosaleiro consideramos desorbitada e absolutamente fóra da realidade dos demais municipios da provincia”, sosteñen os populares.

O Rosal vai pasar a ter un dos tipos impositivos do IBI de urbana máis altos da provincia, xa que os concellos adoitan situalos entre o 0,4 e o 0,55 e, se ben é certo que algún están optando por subilos neste outono, non coñecemos ningún que supere o 0,55 pero o bipartito do Rosal vai estar por riba desta cifra nunha medida que atenta directamente contra os veciños, as familias e as economías domésticas”, sinalou o voceiro municipal, Carlos Rodríguez.

Cómpre sinalar que as arcas municipais tiñan previsto recadar 779.000 euros este ano por este tributo e o incremento previsto do 29% suporá un aumento estimado de 101.000 euros por exercicio -404.000 euros ao longo da lexislatura- “que se destinará exclusivamente a afrontar o pago da forte débeda que xeraron eles sós pola súa nefasta xestión, xa que O Rosal non tiña débeda viva cando entraron ao goberno en 2019 e, en só catro anos, a situaron en máis de 1,2 millóns de euros sen que se notase no ámbito das infraestruturas e dos servizos públicos”.

Finalmente, os populares lamentaron o “escurantismo do goberno local neste asunto, xa que andan todos os días facendo propaganda de eficiencia enerxética, homenaxes varios e cuestión patrimoniais, pero nun asunto de tanta importancia para os veciños están caladiños, supoñemos que por medo a que se levante unha forte contestación social por este atraco”.