O grupo municipal do PP do Rosal vén de esixirlle ao Concello que acometa de inmediato o arranxo da ponte de Eiras, «que se viu afectada polas riadas de hai dez meses e que segue sen acondicionarse co conseguinte dano para a veciñanza».

O voceiro municipal, Carlos Rodríguez, lembrou que o Concello de Tomiño xa reparou esta infraestrutura na súa marxe e lamentou que o bipartito rosaleiro «siga paralizado á hora de repoñer esta ponte, malia que a Deputación de Pontevedra lle concedeu unha achega para este fin de 139.488 euros aprobada pola xunta de goberno provincial do pasado 28 de xullo».

“Estamos ante un Goberno ineficiente e vago que lle bota a culpa a Costas e á Xunta, algo que é contraditorio coa súa solicitude de axuda á Deputación, xa que ten como única folla de ruta escapar das súas competencias e desatender constantemente aos veciños nos temas que lle importan e nas cousas que lle afectan no seu día a día”, manifestou o concelleiro.

Mellora da estrada provincial en Eiras

Por outra banda, Carlos Rodríguez tamén revelou que o PP vai respaldar aos veciños de Eiras na súa oposición ante a modificación do proxecto que impulsa o Goberno local para crear unha plataforma peonil aproveitando a mellora da estrada provincial que está a acometer a Deputación de Pontevedra.

“Os veciños non queren este tramo, duns 100 metros, con preferencia peonil, xa que sinalan que non estaba no proxecto inicial e que non responde ás súas necesidades. De feito, eles apostan, e contan co noso apoio, por unha beirarrúa lateral que ademais sería fácil de acometer, porque unha veciña está disposta a ceder o espazo necesario retranqueando o seu muro, sempre que se proceda á súa reconstrución, unha petición que consideramos lóxica pola súa xenerosidade”, detallou Carlos Rodríguez.