O grupo municipal do PP do Rosal vén de esixirlle ao Concello que dea unha “solución inmediata” ao remate da rede de abastecemento de auga no lugar da Torre, nas inmediacións da vila, «xa que catro vivendas carecen na actualidade dun servizo axeitado e non poden desenvolver moitas accións domésticas básicas por falla de subministración».

Os populares revelaron que estas catro casas carecen de potencia de auga potable e apenas dispoñen dun fío de auga durante os meses de verán, e incluso no actual mes de outubro cando hai escasas precipitacións, xa que baixa o caudal e a forza da rede é insuficiente.

“Non pode ser que en pleno ano 2023, haxa xente que non poida ducharse normalmente nos seus domicilios ou fregar a louza pola simple razón de que o Concello deixou unha obra a medias e non se preocupou de cumprir coas súas obrigas co saneamento, que é unha competencia municipal, nin de atender aos veciños como merecen”, explicou o voceiro municipal, Carlos Rodríguez.

Cómpre sinalar que, segundo explicaron desde o PP local, o pasado ano, con motivo da remodelación da Praza do Calvario, «o Concello formulou trasladar a Feira do Viño ao patio do colexio público Manuel Suárez Marquier, polo que acometeu nesta contorna unas obras para dotala de sumidoiros e que, con posterioridade, se puidesen enganchar os veciños deste barrio. Sen embargo, a negativa das adegas e dos restaurantes a este emprazamento motivou que a obra só se fixera parcialmente e quedaran fora da mesma as vivendas máis afastadas».

Non é de recibo o abandono destes veciños co agravante de que o abastecemento é unha competencia municipal e non o teñen en condicións por un desleixo total do bipartito, pero é que ademais desde o PP consideramos moi chapuceiro e pouco dilixente facer unha obra a medias, así que esixímoslle ao goberno que remate a obra e solucione esta esperpéntica solución de inmediato”, concluíu o voceiro popular.