O grupo municipal do PP do Rosal expresou o seu rexeitamento ao proxecto de Orzamentos 2025 presentado no pleno polo bipartito, xa que considera que son “unhas contas elaboradas contra os veciños, contra os seus intereses e contra a mellora da súa calidade de vida”, xa que, «incomprensiblemente, prodúcese unha forte caída das partidas para servizos e os investimentos ao tempo que segue a constante suba de impostos».
“Son unas contas sen pés nin cabeza, porque hai aínda menos cartos que o ano anterior malia a inflación e que seguen a aumentar os ingresos pola vía da suba de impostos. En definitiva, estamos posiblemente ante os peores orzamentos da historia do Rosal, incluso superando os do ano pasado”, apostillou o voceiro municipal, Carlos Rodríguez.
O concelleiro popular, que lamentou que os votos de PSOE e BNG permitirán aprobar unhas contas tan “nefastas”, incidiu en que «os cinco aspectos fundamentais dun orzamento municipal son negativos, xa que volven baixar os cartos totais para atender aos veciños por segundo ano consecutivo pasando de 6,23 a 6,05 millóns e tamén o fai as partidas de investimentos, mentres que suben os tributos municipais, os gastos de persoal e o gasto corrente».
“Non entendemos como o goberno pode defender estas contas e dicir que son as propias para un concello vivo e dinámico, cando calquera persoa que saiba sumar e restar detecta claramente o contrario. Nun momento expansivo da economía, e malia o sablazo fiscal aos veciños, o diñeiro público a disposición dos rosaleiros volve descender e coa gravidade de que sucede por segundo ano consecutivo, o que amosa a incapacidade absoluta do bipartito”, manifestou o concelleiro.
Ao respecto, explicou que, en materia fiscal, «os impostos directos volven a subir e, deste xeito, acumulan un incremento medio do 25% en só dous anos, mentres que as taxas tamén están á alza, neste caso nun 20%, desde 2023 sen que este aumento da recadación se note absolutamente en nada de proveito e que mellore o benestar da xente”, significou o edil.
Carlos Rodríguez tamén criticou con dureza os “fortes recortes do goberno local en materia de investimentos, xa que se reducirán en case 1,3 millóns de euros con respecto ás contas deste ano. Hai dous anos había 2,3 millóns en investimentos, no presente exercicio baixaron a 1,9 millóns e para 2025 xa anuncian que practicamente non van facer nada ao afundir esta partida ata 669.000 euros incluíndo apenas dúas melloras deportivas e esquecendo absolutamente todo o demais”.
Gastos de persoal e correntes
O voceiro popular lamentou así mesmo o incremento do gasto corrente e o destinado a persoal, “que xa era moi elevado e aínda o van incrementar máis en vez de aplicar necesarias políticas de contención nesta partida, polo que os gastos fixos municipais xa superan o 75% do total e constriñen absolutamente as contas e o progreso do Rosal”.
“As contas son tan malas que ata o propio goberno agochou na súa memoria de presentación a habitual comparativa cos datos do ano anterior. É un detalle de falta de transparencia que demostra que eles mesmos son conscientes da desfeita destes Orzamentos 2025, que son dos poucos que descenden de entre todos os concellos da provincia, que nin sequera teñen cadrados os ingresos e gastos, que medran o sablazo aos petos dos veciños e que ofrecen os investimentos máis pírricos da historia”, concluíu Carlos Rodríguez.