BNG Gondomar

O Grupo Parlamentar do BNG, por medio do seu deputado por Pontevedra, Luís Bará, defendeu este mércores unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza para incorporar o concello de Gondomar ao transporte metropolitano da Área de Vigo. Os votos en contra do grupo maioritario do Partido Popular impediron que prosperase esa proposición.

O deputado do BNG criticou a actitude sectaria que mantén a conselleira, que despois de dúas xuntanzas da comisión de seguimento, segue impedindo a integración do Concello de Gondomar no transporte metropolitano.

A dinámica de enfrontamento entre PP e PSOE está a provocar que a veciñanza de Gondomar sexa unha vítima colateral, que ve negado o acceso ás vantaxes da tarxeta de transporte metropolitano, como a redución de tarifas e a gratuidade para as persoas menores de 19 anos.

Luís Bará acusou á Xunta e ao Concello de Vigo de viviren comodamente instalados nesa confrontación, sen importarlles que as súas decisións prexudiquen a 16.000 persoas en Gondomar.

O BNG de Gondomar, a través da súa responsábel local, Manuela Rodríguez, denuncia a actitude hipócrita do Partido Popular que mentres en Gondomar apoia esta reivindicación, en Santiago traizoa á nosa veciñanza. Acusa tamén de pasividade e absentismo ao PSOE, por supeditar os intereses da xente á submisión e comenencias do partido.

 “O BNG vai manter o seu compromiso coa veciñanza e continuará a apoiar as movilizacións para dispor dun transporte público acaído ás necesidades do noso concello, e para acadar a integración deste no transporte metropolitano da Área de Vigo”, afirma a responsábel local.