ORPAGU // Archivo

O PPdeG demandará ao Goberno central dende o Parlamento galego e dende o Congreso dos Deputados unha solución ao bloqueo á comercialización do marraxo dientuso e á situación da frota de palangre. 

Concretamente, desde o Grupo Parlamentario Popular e mediante unha proposición para o seu debate instarán á Xunta de Galicia a demandar do Goberno unha pronta solución que poña fin ao bloqueo que está a impedir a comercialización do marraxo dientuso e a adopción de medidas que permitan aliviar a situación da frota palangreira galega.

Pola súa parte, o portavoz de Pesca no Congreso, Joaquín García, e os deputados nacionais Marta González Vázquez, María Ramallo e Diego Gago tamén preguntan ao Executivo central -solicitando obter resposta por escrito- se ademais dos criterios estritamente científicos que asegura ter o Ministerio de Transición Ecolóxica para establecer cupos para esta especie se tiveron en conta outros factores sociais e económicos ou a posibilidade de establecer un período de transición.

De igual xeito, tamén lle preguntan ao Goberno central pola súa opinión sobre as medidas adoptadas pola Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT), responsable da conservación dos túnidos e especies afíns no océano Atlántico e mares adxacentes, e se consideran que esta non toma as medidas adecuadas para a conservación e equilibrio das poboacións de especies mariñas.

Ademais, preguntan sobre as achegas e alegacións realizadas a esta decisión por parte da Dirección Xeral de Recursos Pesqueiros do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, na súa calidade de responsable da regulación dos recursos  pesqueiros en España.

Deste modo, dende a Comunidade e dende Madrid, os populares galegos traballan para que se resolva este novo problema xerado polo Goberno de España. De feito, lamentan que, como aconteceu coa reforma da Lei de Costas, unha vez máis quede demostrado que para o Executivo do PSOE o sector da pesca nin a cadea mar industria están na súa axenda política.

DEFENDER O SECTOR

Cómpre sinalar que a Xunta é consciente da difícil situación que está a atravesar a frota de palangre de superficie galega debido á crise derivada do coronavirus e doutras circunstancias, coma as medidas de xestión ditadas polo Goberno central en relación ao marraxo, unha das especies que pesca esta frota.

Así mesmo, o Goberno galego está en contacto co sector e seguirá traballando e defendéndoo con argumentos e datos ante o Goberno central, a UE e a Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico ICCAT co obxectivo de evitar que se ocasionen prexuízos pola adopción de medidas nas que non se ten en conta a realidade do sector.

En concreto, Galicia xa advertiu a finais de 2019 ao Executivo estatal dos prexuízos da decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica ao establecer pola súa conta unhas cantidades de captura de marraxo distintas e inferiores ás recomendadas no seu momento polo ICCAT para a axeitada xestión da especie. Esta decisión levou a que por primeira vez paralizase a pesqueira desta especie, deixando incluso parte das capturas paralizadas a bordo dos barcos ou en tránsito cara a España.

En relación ás dificultades ocasionadas como consecuencia do coronavirus, o Executivo galego xa trasladou ás embaixadas españolas en terceiros países a súa preocupación polas dificultades da frota para que contribúan a manter a súa operatividade, tanto na mobilidade das tripulacións como de pescado e pertrechos.

A Xunta tamén está a analizar as posibilidades de articulación de medidas de axuda para esta frota que non se puido beneficiar das axudas do Goberno central para a reactivación do sector trala crise derivada da covid-19. Igualmente, pon a disposición do sector axudas para as pemes de transformación de produtos do mar, que poden contribuír á mellora de capacidade de almacenamento frigorífico das capturas deste sector, que ameazaba con colapsarse.