O programa Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia, chega este sábado 22 de xullo ao Concello do Rosal cun concerto a cargo de Uxía e Javier Ruibal. O espectáculo, co título Da túa casa á miña, terá lugar ás 22:00 horas na praza do Calvario.
Da túa casa á miña constitúe un retrato musical de dous poetas universais: Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Uxía e Javier Ruibal teñen unha ampla experiencia musicando poetas e este traballo supón un paso máis nunha historia de amizade e complicidade que quere seguir o camiño iniciado por Lorca de Granada a Santiago, selando a irmandade norte-sur, así como poñer no centro “o que nos une e non o que nos separa”. Deste xeito máis que un concerto trátase dun encontro intimista galego-andaluz no que se darán cita as sonoridades do flamenco e de Galicia.
Uxía Senlle comezou na música tradicional a mediados da década dos 80 do século pasado. Destaca polos seus alalás, canto de raíz galega, e ten publicado ao longo da súa traxectoria 12 discos que a levaron a acadar premios como o da Crítica Galicia ou ao Mellor álbum de música de Raíz nos Premios da música independente de España. Tamén ten sido seleccionada como Top of the World pola revista británica Songlines.
O gaditano Javier Ruibal conta con máis de 35 anos de carreira musical. Cantante, compositor e guitarrista, a súa música combina co old school rock, cante, a poesía e o jazz. Ten sido galardoado con premios como a Medalla de Andalucía en 2007 e ten recibido o Premio Nacional das Músicas Actuais no 2017. No 2020 acadou o Premio Goya á mellor canción orixinal por Intemperie, película homónima de Benito Zambrano.