TVG // Víctor Fábregas no restaurante Chupa Ovos da Guarda

Nesta entrega da segunda tempada de “Vou que teño que ir” os viaxeiros, Ledicia Sola e Víctor Fábregas, achéganse A Guarda para descubrila dende dúas miradas ben diferentes. O programa, producido por Ézaro Films, emitirase o este martes, ao redor das 23.30 horas, na Televisión de Galicia (TVG).

Na punta máis suroeste de Galicia e na comarca do Baixo Miño, atópase o concello da Guarda, ata onde se desprazaron os presentadores do programa para coñecer os segredos da cultura castrexa máis importante do norte peninsular. Desde a privilexiada ubicación do Castro de Santa Trega gozarán das vistas do océano Atlántico e da cercana vila portuguesa de Caminha. Víctor e Ledicia animaranse a facer un pequeno trail polo monte aínda que, con sorte, daráselles mellor xogar coas damas e os reis no Club de Xadrez Albatros.
Mentres Ledicia coñece a mulleres incombustibles como as redeiras Carmen ou Rita, Víctor animarase a visitar a fortaleza do Castelo de Santa Cruz que os portugueses conquistaron en menos dun ano.

O presentador non escatimará en chupar os dedos no restaurante Chupa Ovos mentres que Ledicia preferirá uns petiscos máis suaves regados co viño do Rosal na adega Terras Gauda.

O Hotel Vila da Guarda, aberto durante todo o ano, será o sitio onde poidan dar paz a tanta axetreada visita nun dos sitios máis turísticos de Galicia.

“Vou que teño que ir”

«Vou que teño que ir» é un programa de viaxes polo territorio galego onde Víctor Fábregas e Ledicia Sola nos convidan a descubrir o mesmo municipio ou comarca de dous xeitos ben diferentes. Nesta travesía polo mapa galego, achegaranse ás tascas e tabernas máis tradicionais, á cultura popular, ás festas e costumes e ós sendeiros pola natureza buscando plans atrevidos ou de risco e procurando non rascar moito a carteira. Pero tamén buscarán alternativas culturais e históricas, con visitas máis confortables e luxosas e con parada en restaurantes coa gastronomía máis vangardista.

Despois do seu encontro matinal, Ledicia Sola e Víctor Fábregas separarán os seus camiños en visitas cruzadas con dúas actividades conxuntas onde cada un terá a posibilidade de levar ao seu terreo e poñer a proba o compañeiro. Un veciño ou guía especializada acompañará a cada un dos viaxeiros no seu percorrido amosando a cara máis xenuína dos diferentes lugares.

O humor estará presente en cada un dos episodios e as bromas entre os presentadores marcarán o ritmo distendido deste novo programa onde é moi fácil levantarse do sofá para viaxar ós recunchos menos explorados de Galicia.

TVG // Ledicia Sola na adega Terras Gauda
TVG