A insecticultura, ou produción primaria de insectos, estase perfilando como unha ferramenta innovadora dentro da bioeconomía circular polo seu baixo impacto ambiental no que se refire tanto ás emisións de gases de efecto invernadoiro como ao requirimento en auga e terreo.
Estes insectos poden ter múltiples utilizacións, unha delas é o seu uso para obter fertilizantes para mellorar a calidade dos solos agrícolas. Precisamente neste aspecto é no que se centra o proxecto Probiofertil, liderado pola investigadora do CIM-UVigo María Gómez Brandón, seleccionado na Convocatoria de axudas para incentivar a consolidación Investigadora 2023.
Cun orzamento de 124.206 euros, o obxectivo deste estudo é avaliar o potencial de biorremediación das larvas de insecto para o biotratamento de residuos orgánicos co fin de obter produtos de valor engadido con potencial para o seu uso como insumos agrícolas, é dicir, produtos que se empregan para o control de pragas, prevención e tratamento de enfermidades.
Como explica Gómez Brandón, os insectos constitúen o grupo máis numeroso de organismos na terra e son excelentes dispersores e explotadores de practicamente todo tipo de materia orgánica. Para sacar partido a estas características, Probiofertil céntrase no aproveitamento de residuos agrogandeiros a través da biotecnoloxía de insectos, co fin de mellorar a xestión e tratamento destes residuos ao tempo que se obteñen novos produtos, neste caso o frass, un esterco animal formado por unha mestura de excrementos de insecto e restos de exoesqueleto liberado polo insecto en cada muda, xunto con restos do substrato alimentario.
Estes subprodutos, explica a investigadora, “preséntanse como unha alternativa sostible ao uso de fertilizantes minerais pola súa composición rica en quitina e en nutrientes de fácil asimilación”. E é que o valor engadido do frass radica en que “presenta cantidades significativas de nitróxeno de fácil asimilación para a planta, así como bacterias promotoras do crecemento vexetal que potencian o seu posible uso como abono orgánico”.
A mosca soldado negra, como modelo de estudo
O proxecto Probiofertil céntrase na avaliación do frass e, como modelo de estudo, seleccionouse a mosca soldado negra (Hermetia illucens Linnaeus, 1758). Pero ademais, o equipo de investigación tamén se propuxo facer unha comparativa do frass desta especie co frass obtido doutros insectos, como o escaravello da fariña (Tenebrio molitor Linnaeus, 1758) ou doutras especies como o grilo. O motivo para facer esta comparativa, explica a investigadora, é que “esperamos que as propiedades químicas e microbiolóxicas del frass varíen significativamente dependendo da especie de insecto e do substrato de partida”.
Os primeiros meses de traballo do proxecto Probiofertil comezan xa a dar os seus froitos. Como avanza María Gómez Brandón, o equipo acaba de rematar un traballo que se atopa en revisión, no que avalían as propiedades químicas e (micro)biolóxicas de mostras de frass derivadas de oito especies de insectos e adianta que se “observaron diferencias notables dependendo da especie de insecto”.
O proxecto estase desenvolvendo en colaboración con investigadores da Universidade de Innsbruck (Austria) e do centro Icipe en Nairobi (Kenya) e, precisamente, na capital kenyana o equipo está a levar a cabo unha experimentación en invernadoiro e en campo en colaboración co Centro Internacional de Fisioloxía e Ecoloxía dos insectos para avaliar o impacto do frass nas propiedades físico-químicas, microbiolóxicas do solo e no rendemento do cultivo a escala de invernadoiro e en campo.