O PSdeG-PSOE do Porriño celebra que Atios poida contar no futuro cun centro de día, unha infraestrutura necesaria e amplamente demandada pola veciñanza e que conta co apoio socialista, sen embargo, «consideramos imprescindible denunciar a falta de rigor e transparencia coa que o alcalde, Alejandro Lorenzo, e a Xunta de Galicia teñen xestionado a comunicación deste proxecto«, indican.
Sinalan que en marzo de 2023 anunciábase publicamente que a antiga Escola Unitaria de Covelo sería rehabilitada para albergar un centro de día cun investimento previsto de arredor de 210.000 euros, financiado coa colaboración entre a Xunta e o Concello. «Tres anos despois, o mesmo proxecto reaparece nos medios cun custo de 431.000 euros, dos que a Xunta achegará 150.000 euros, obrigando ao Concello do Porriño a asumir 281.000 euros. É dicir, o investimento previsto duplicouse, mentres que a achega da Xunta representa apenas un terzo do custo final anunciado», aseguran os socialistas.
David Alonso lamenta que “o centro de día de Atios parece un pedido feito en AliExpress: en 2023 anunciárono por 210.000 €, hoxe xa vai por 431.000 €… e seguimos esperando a entrega. Tres anuncios, prezos cambiantes e ningunha obra rematada. Oxalá esta sexa a definitiva, porque os nosos maiores merecen feitos e non promesas en seguimento permanente”.
Os socialistas lembran que o actual goberno municipal «leva anos anunciando a creación deste centro de día sen que ata o momento se teña iniciado a obra definitiva, xerando unha comprensible desconfianza entre a cidadanía. Ao mesmo tempo, reivindican que a recuperación da Escola de Covelo non nace agora. Durante os gobernos socialistas desenvolvéronse distintas actuacións para poñer en valor o inmoble, incluídos varios obradoiros de emprego (Covelo 1 e 2). En 2021, sendo David Alonso concelleiro de Emprego, conseguiuse unha subvención de 346.096 euros para o programa Porriño Labora, que permitiu continuar coa rehabilitación do edificio e formar a 10 persoas desempregadas do municipio», afirman.
«O que sí cuestionamos é a falta de planificación e a utilización reiterada desta infraestrutura como ferramenta propagandística, o mesmo que o centro de maiores anunciado en Budiño xa fai tres anos. Os maiores de O Porriño e as familias merecen certezas, non titulares repetidos cada vez que se achegan novas citas electorais«, sinalan os socialistas.
O PSdeG-PSOE do Porriño esixe ao alcalde que explique con detalle «¿Porqué o custo anunciado en 2023 practicamente se duplicou? ¿que actuacións concretas se executarán con cargo aos 431.000 euros agora previstos? ¿cal é o calendario real das obras? ou ¿que garantías existen de que o centro de día abrirá efectivamente en 2027?».
Rematan os socialistas indicando que que «queremos que o centro de día sexa unha realidade; pero tamén queremos que a veciñanza saiba toda a verdade, que foi o PSdeG-PSOE quen apostou por rehabilitar a Escola unitaria. Porque gobernar non consiste en anunciar varias veces a mesma obra. Gobernar consiste en executala con seriedade, con planificación e respectando a intelixencia dos cidadáns».
