O pasado luns celebrábase o Pleno Ordinario correspondente ao mes de xullo, no que os concelleiros socialistas abstivéronse tras solicitar melloras sociais nas ordenanzas que, «ante a falla de información solicitamos quedasen enriba da mesa, logo de enunciar o PSdeG as súas alegacións correspondentes a condicións que melloren o reparto de bonificacións no tocante ao IAE e ao ICIO».

Deste xeito, no exposto polo PP no referido ao Imposto de Actividades Económicas – IAE-,nos termos para as bonificacións «non se esixe aos empresarios a contratación de persoal con discapacidade ou colectivos de difícil inserción como poden ser os menores de 26 anos ou desempregados de larga duración», sinalan os socialistas.

O voceiro socialista, David Alonso, considera que «o Imposto de Construcción Inmobles e Obras –ICIO- do Concello do Porriño ten o tipo gravame máis baixo da contorna a un 2,2%; polo que as bonificacións propostas minguarían os ingresos municipais e tampouco se teñen en conta os ingresos dos solicitantes, co que existe unha falla de progresividade xa que non se lle pode aplicar a mesma bonificación a unha persoa con uns ingresos de 12.000 € anuais, que a outra con uns ingresos 60.000€ , demostrando unha vez mais que as políticas fiscais de Alejandro Lorenzo benefician máis a quen máis ten”.

Segundo os socialistas, tamén se levou ao Pleno o recoñecemento dun crédito extraordinario do remanente de Tesourería por importe de 1.082.470,30 €, no que se inclúe a compra de terreos na contorna do río Louro por 455.000 €, proxectos de saneamento por 454.000 €, proxectos e anteproxectos por 184.000 €, ou preto de 40.000€ en bancos de pedra no casco urbán.

Neste último concepto a concelleira socialista, Sthela Táboas, recriminou ao alcalde este elevado gasto en 30 unidades xa que “con esta partida poderíanse poñer bancos en todas as parroquias do Porriño e non só no centro urbán”. Este dato “pon de manifesto a nefasta xestión de Alejandro Lorenzo, que so gasta das arcas municipais en lugar de buscar financiamento ou subvencións de fondos europeos”.