Nunha nota de prensa, o Grupo Municipal Socialista da Guarda quere facer unha serie de aclaracións en relación á situación da senda arredor do Trega.

  • No Plan de Turismo, a través do que acadamos 1.000.000€ para diversas actuacións en materia de turismo, destinábase unha cantidade de diñeiro para dar inicio á senda arredor do Trega.
  • Decidiuse apostar por esta actuación porque a Xunta de Galicia, ente a quen realmente lle compete levar a cabo esta obra, leva incumprindo ao longo dos últimos anos e de forma reiterada, as súas promesas de construíla.
  • Xa en 2018 o Director Xeral de Infraestruturas de Xunta, aseguráballe a Antonio Lomba que sacarían unha liña de subvencións para sendas que nunca chegou a publicarse. En 2020 a Conselleira de Infraestruturas (Ethel Vázquez) comprometíase tamén, neste caso, a valorar incluír a nosa senda nun Plan de Sendas do Baixo Miño a través de fondos europeos (FEDER 2021-2027), promesa que volveu a incumprirse.
  • En vista dos antecedentes, os socialistas decidimos reservar unha partida orzamentaria para a senda dentro do Plan de Turismo, para desta forma, dar inicio ás obras e forzar á Xunta de Galicia a destinar fondos para a mesma, replicando a mesma estratexia que se seguira coa reforma do Pavillón Municipal, para o que ao principio a Xunta non quixo destinar nin un euro, e logo, unha vez o Concello e a Deputación puxeron fondos, viuse obrigada a facelo.
  • O Partido Popular publicaba unha nota de prensa en novembro de 2023 sacando peito porque Ethel Vázquez tamén lles prometera a eles incluír a senda nos próximos fondos FEDER, o que polo de pronto nos di que, como mínimo, ata despois de 2027 a Xunta non prevé en ningún caso, abordar esta obra…se é que realmente a inclúe, cousa que, visto o visto, xa dubidamos.
  • E agora, observamos estupefactos como desde o Concello se decide que a cantidade coa que se pretendía dar inicio a esta obra, crucial para A Guarda e Camposancos tanto a nivel turístico como a nivel de seguridade viaria, se vai a destinar a facer unha obra que desde logo non ten a urxencia nin a importancia que pode ter a da senda arredor do Trega.
  • Preto de cumprirse un ano deste novo goberno, non deixamos de asombrarnos coa falta de consideración cara á cidadanía e o pouco sentido común que aplican ás súas políticas.