O Grupo Municipal Socialista da Guarda acusa ao goberno de Carrero e Fariñas de levar á piscina municipal «ao desastre absoluto».

A día de hoxe -din-, «a maior subvención deportiva da historia de A Guarda -1,5 millóns de euros conseguidos polo PSOE en 2023 para a reforma da piscina –  está practicamente perdida».

Unha cronoloxía que evidencia a inacción (segundo o PSOE):

  • En 2023, o PSOE deixou asegurados 1,5 millóns de euros de Fondos Europeos para a obra.
  • O goberno local esperou ata novembro de 2024 para buscar o resto do financiamento, que non conseguiu ata marzo de 2025: 700.000 € da Deputación de Pontevedra.
  • En novembro de 2024 entregouse o proxecto, pero non saíu a licitación ata abril de 2025.
  • En maio de 2025 a licitación quedou deserta, pois ningunha empresa se presentou.
  • Despois revisaron o proxecto e descubriron custes mal calculados, co que o orzamento aumentou en case 600.000 €.
  • Decidiron pedir esa cantidade á Xunta de Galicia, que en setembro de 2025 denegou a subvención.

«No momento no que souberon que a reforma custaría máis do previsto, deberían ter solicitado un préstamo bancario como plan B, asegurando así o financiamento e evitando máis atrasos. Pola contra, fiárono todo a unha subvención que finalmente non chegou», aseguran os socialistas.

Afirman que a realidade é incontestable: «a obra, cun prazo de execución dun ano, debería estar finalizada en marzo de 2026 para non perder a subvención europea. Fagan contas: a día de hoxe é materialmente imposible chegar a tempo. Nin sequera cunha prórroga sería viable salvar os fondos».

Indican que «Carrero e Fariñas poden ser ineptos, pero non parvos. Saben que non facer a obra suporía un custo político demasiado alto. Por iso acabarán tirando adiante con ela, tarde e mal, pero coa diferenza de que agora será o Concello quen teña que asumir cos cartos de todos os veciños e veciñas ese 1,5 millóns de euros».

Recalcan dende o Grupo Municipal Socialista da Guarda que a maiores, «o persoal da piscina segue sen saber en que condicións afrontará un ERTE nin se perderán poder adquisitivo. Mentres, a veciñanza está condenada a unhas instalacións cheas de goteiras e cun risco real de peche por unha avaría maior».

Estamos ante un auténtico escándalo. Carrero e Fariñas perderon tempo, van perder cartos e puxeron a piscina contra as cordas. A súa incompetencia vai custarlle á Guarda 1,5 millóns de euros que xa tiñamos asegurados. Tirarán adiante coa obra porque saben que non facela lles custaría demasiado, pero acabaremos pagándoa todos/as cos recursos do Concello. En calquera caso, con este goberno, somos os veciños e veciñas da Guarda quen perdemos”, denuncia a portavoz socialista, Fátima Rodríguez.