O PSOE de Baiona vén de poñer en marcha un rexistro de peticións veciñais co obxectivo de trasladar a cada pleno municipal rogos, preguntas e fotografías que reflictan «a situación de abandono que sofre o municipio».
Esta iniciativa nace «ante a falta de xestión do goberno de Jesús Vázquez Almuiña, cunha vila cada vez máis descoidada, parroquias abandonadas e un mantemento claramente insuficiente dos espazos públicos». Desde o grupo socialista consideran necesario dar voz directa á veciñanza e converter cada pleno «nun espazo onde se expoñan as demandas reais do día a día».
A través deste rexistro, os veciños e veciñas poderán trasladar incidencias, fotografías e propostas que o PSOE de Baiona levará ao pleno en forma de rogos e preguntas ao goberno municipal, ademais de facer seguimento das respostas e das actuacións comprometidas.
O voceiro socialista e exalcalde, psoebaionamez, sinala que “Baiona está máis sucia e máis abandonada que nunca. As parroquias están desatendidas, as zonas verdes sen manter e os espazos públicos deteriorados. Se o alcalde non escoita á veciñanza, o PSOE vai levar a súa voz directamente ao pleno”.
O grupo socialista lembra que «o abandono» afecta tanto ao centro como ás parroquias de Baiña, Baredo, Belesar ou Sabarís, «con desbroces sen facer, cunetas sen limpar e espazos públicos deteriorados».
“Se Almuiña non percorre Baiona, farémolo nós coa veciñanza. Se non actúan, quedará constancia pública da súa falta de xestión”, conclúe Carlos Gómez.
O PSOE de Baiona abre así unha canle directa coa cidadanía para que cada pleno municipal reflicta a realidade «dunha vila que merece moito máis ca a deixadez do actual goberno».
