O PSOE de Baiona participou esta mañá na concentración diante do Centro de Saúde de Baiona, convocada por SOS Sanidade Pública en máis de vinte puntos de Galicia para reclamar unha mellora urxente da Atención Primaria.
O portavoz socialista, Carlos Gómez, mostrou o apoio do PSOE á mobilización e denunciou a situación actual do centro de saúde de Baiona, onde conseguir unha cita antes de dúas semanas é, a día de hoxe, practicamente imposible, provocando malestar e preocupación entre a veciñanza.
Desde o PSOE de Baiona esixen ao alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, que levante o teléfono e reclame á Xunta máis profesionais e máis recursos, lembrando ademais que foi o propio Almuiña, como conselleiro de Sanidade, quen impulsou a reforma da lei sanitaria galega que supuxo cambios estruturais no sistema e que, segundo denuncian, contribuíron ao actual modelo de desatención da Atención Primaria.
“Almuiña coñece perfectamente a situación porque formou parte das decisións que nos trouxeron ata aquí. Foi el quen chegou á Xunta e impulsou un modelo que hoxe se traduce en menos profesionais, máis esperas e peor atención sanitaria”, sinalou Carlos Gómez.
As mobilizacións convocadas por SOS Sanidade Pública reclaman reforzar a Atención Primaria, aumentar o persoal sanitario, reducir as listas de espera e garantir unha atención accesible e de calidade en toda Galicia, reivindicacións que o PSOE de Baiona comparte plenamente.
Desde o grupo socialista consideran que Almuiña non pode mirar para outro lado, xa que como alcalde e exconselleiro de Sanidade ten a responsabilidade política e institucional de defender os intereses da veciñanza de Baiona.
“Menos silencio e máis xestión. Se Almuiña contribuíu a implantar este modelo, agora ten a obriga de levantar o teléfono e esixir solucións. Baiona non pode seguir esperando dúas semanas para unha cita médica”, concluíu Carlos Gómez.
