O PSOE de Oia vén de presentar unha queixa formal ante a Valedora do Pobo contra o Concello de Oia «polo que consideramos un cobro inxusto do Imposto de Bens Inmobles (IBI) a propietarios de parcelas afectadas pola servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre».
Segundo consta na queixa rexistrada o 26 de febreiro, «estanse a cobrar como solo urbano parcelas que, tras o deslinde aprobado polo Ministerio de Medio Ambiente, deberían ter a consideración de solo rústico de protección de costas», sinalan os socialistas.
Din dende o PSOE que estas parcelas «continúan pagando un IBI valorado como urbano, cunha taxación aproximada de 60 euros por metro cadrado, cando en realidade perderon capacidade edificatoria ao quedar dentro da servidume de protección».
O 19 de decembro do ano pasado, celebrouse un pleno extraordinario no Concello de Oia para abordar esta situación e propúxose:
- A retirada do padrón de urbana das parcelas afectadas.
- O traslado do acordo ao Catastro para a súa inmediata revisión.
- A devolución das anualidades cobradas indebidamente.
- A incorporación de informes técnicos e xurídicos sobre a legalidade da situación.
«Tal e como certifica a Secretaría municipal, a proposta foi rexeitada cos votos en contra dos 6 concelleiros do PP e cos 2 votos a favor do PSOE«, aseguran.
Para o PSOE de Oia, «esta negativa supón manter unha situación de clara falta de corresponsabilidade administrativa, obrigando a veciños e veciñas a pagar por unha cualificación urbanística que xa non se corresponde coa realidade xurídica nin territorial das súas propiedades«, indican.
«Ante a falta de vontade política do goberno local para corrixir esta situación«, o PSOE solicitou á Valedora do Pobo un informe amplo e detallado sobre:
- A correcta tipoloxía do solo nas parcelas afectadas.
- A legalidade de manter a súa consideración como urbanas.
- A posible devolución de cantidades cobradas de forma indebida.
«O grupo socialista considera que non se pode falar de xustiza fiscal mentres se manteñen situacións nas que os veciños pagan impostos urbanos por terreos que xa non teñen esa condición», afirman.
«O PSOE de Oia reafirma o seu compromiso coa defensa dos intereses da veciñanza e coa aplicación rigorosa do principio básico de equidade, cada quen debe pagar polo que realmente ten, non por unha clasificación que xa non se sostén legalmente«, rematan.
