O Concello de Oia celebrou unha sesión extraordinaria convocada pola Alcaldía na que se abordaron, entre outros asuntos, a concesión dunha licenza municipal para as obras de restauración do solo afectado pola extracción de pedra na canteira situada nos montes da Comunidade de Montes de Burgueira.
Durante o debate deste punto, o Grupo Municipal Socialista sinalou que, tal e como recolle o informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica, «non se prevén actuacións sobre a superficie hormigonada na que se sitúan instalacións da explotación nin sobre dúas edificacións sen paredes, salvo que a Comunidade de Montes de Burgueira indique o contrario para o seu uso por parte dos comuneiros».
Desde o PSOE advertiron da necesidade de garantir que o proceso de restauración «se realice con total transparencia e co máximo respecto ao interese público e ao medio ambiente». Na sesión tamén se deu conta ao pleno da liquidación do Orzamento municipal correspondente ao ano 2025.
En relación cos asuntos económicos, o Grupo Municipal Socialista optou pola abstención na aprobación de varios puntos, entre eles, «un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 48.583,08 euros, así como outro expediente económico que ascende a 202.686,78 euros, ambos aprobados cos votos a favor do grupo de goberno«, din.
Desde o PSOE de Oia sinalan que esta posición «responde á necesidade de analizar con maior profundidade este tipo de expedientes e reforzar o control sobre a xestión económica municipal».
