O Concello do Rosal realizou melloras nos parques infantís do Calvario e Pías. Estas actuacións execútanse debido á situación de deterioro no que se atopaban algúns dos xogos infantís.
Así, no Calvario realizáronse arranxos no caucho e substituíronse a totalidade dos xogos infantís, mentres que no parque de Pías, adquiriuse un novo xogo de torre con tobogán para substituír o anterior que non se atopaba en boas condicións para o seu uso. Ademais, adquiríronse tres múelles balancín para o mesmo recinto co obxectivo de ampliar o mobiliario infantil dos espazos públicos do Concello.
Todas estas melloras foron financiadas, por decisión do actual goberno, co reinvestimento de importes procedentes do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.
Asfaltado nos camiños de subida a Martín e Picóns de Arriba
Na subida a Martín e nos Picóns de Arriba, en Eiras, o Concello do Rosal realizou labores de asfaltado por un importe total de 42.426,10 euros con fondos que o goberno actual decidiu reinvestir dos proxectos do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.
Estas melloras realizáronse, segundo indicou a alcaldesa, Ánxela Fernández, co obxectivo de mellorar o estado no que se atopaban estas vías e así atender ás peticións dos veciños.

