ALFREDO

O Concello do Rosal conta por primeira vez na súa historia cun Plan Estratéxico de Subvencións, un instrumento que permite realizar unha planificación detallada a medio e longo prazo das distintas axudas ao tecido asociativo e no que se recolle non soamente o obxectivo destas subvencións, senón tamén o seu interese social e os efectos que causarán no fomento da actividade pública no municipio. “Con este plan buscamos apoiar na medida do posible o traballo que desenvolven en distintos eidos as asociacións coa implicación da veciñanza, que contribúe á mellora da realidade do noso Concello. Queremos darlle máis liberdade ao tecido asociativo para que poidan facer con eses fondos o traballo que xa veñen desenvolvendo, aínda que máis alá de axudas económicas seguiremos traballando man a man con eles en proxectos e actividades en común para poñer en valor e visibilizar o traballo do asociacionismo”, resalta a alcaldesa, Ánxela Fernández.

O Goberno municipal aprobará este plan estratéxico no pleno ordinario que se celebrará o vindeiro venres 24 de xaneiro (20.30 h), no que se presentarán os orzamentos para este ano 2020.

Seis áreas concretas

Este plan estratéxico contará cunha dotación para 2020 de máis de 95.000€ para subvencións repartidas en seis grandes áreas: Asistencia Social Primaria, funcionamento dos centros educativos, promoción cultural, Entroido, promoción e fomento do deporte e apoio ao desenvolvemento do pequeno comercio. A maior partida irá para a área deportiva, con case 35.000€, “non só por ser un dos elementos fundamentais para o desenvolvemento dunha vida saudable, senón porque no noso Concello hai varias disciplinas deportivas importantes e gran parte da veciñanza atópase directamente implicada ou ten vínculos co ámbito deportivo no noso municipio”.

Por outra banda, máis de 29.000€ estarán destinados á promoción cultural, “un dos ámbitos de dinamización fundamentais no desenvolvemento local”. Con 30 anos de historia e unha ampla oferta educativa que abrangue todas as idades e todos os estilos de música, a Agrupación Musical do Rosal é un dos seus referentes principais desta área xunto a Asociación de Veciños de San Gregorio, polo seu esforzo en dinamización cultural e na recuperación e posta en valor da música tradicional e dos xogos populares.

Neste sentido, o Goberno municipal fai “unha clara aposta pola posta en valor das festas populares do municipio” complementando as axudas económicas con accións de promoción e difusión das festas populares que tradicionalmente se veñen desenvolvendo cada ano no Rosal. Entre elas atópase tamén o Entroido, festa na que “a veciñanza realiza un gran labor para a conservación de actividades tradicionais que conseguiron manterse vivas a pesar do paso do tempo”. Para a posta en valor da festa do Entroido, así como para fomentar a recuperación dun Entroido tradicional que o leve aos barrios, contémplase unha subvención de 3.350€.

A Asistencia Social Primaria e o funcionamento dos centro educativos do concello son outras das prioridades para o Goberno local. Así, destinaranse 5.000€ para axudas en réxime de concorrencia competitiva para asociacións de carácter social e outros 4.840€ para axudas de emerxencia social que se entregarán en base aos informes da traballadora social. “A pesar de ter competencias municipais en servizos sociais, nalgúns casos os recursos dispoñibles por parte do Concello non abranguen a totalidade das necesidades. Por iso dende o Goberno estamos decididos a colaborar economicamente coas asociacións que dan resposta a esas necesidades”, recorda a alcaldesa.

Por outra banda, case 3.000€ irán destinados ás asociacións de nais e pais de alumnos dos centros educativos rosaleiros tanto para apoiar o seu labor no ámbito educativo como para “facilitar unha proximidade real dos máis cativos e cativas coa contorna rural na que viven” colaborando coa ANPA do CRA María Zambrano en termos de custo de transporte dada a necesidade de mobilidade para os servizos de aula madruga e comedor.

Para o Goberno municipal tamén é unha prioridade sentar as bases para a dinamización e fomento do comercio de proximidade “incentivando e apoiando ao pequeno comercio nunha realidade na que a competencia en custos e Internet xogan un papel cada vez máis destacado en termos comerciais”. Por este motivo destinaranse 2.500€ ao desenvolvemento do pequeno comercio para investir en accións que xeren inercias positivas ou en cuestións como un estudo ou plan estratéxico do comercio de proximidade no Rosal.