O Concello do Rosal dedicará o mes de marzo ás mulleres e decide facelo a través dunha ampla programación con actividades culturais, deportivas e artísticas que contarán cunha clara clave feminina.

O obxectivo é “visibilizar o labor da muller na sociedade, reivindicando a igualdade de oportunidades nos distintos ámbitos da vida e o dereito a vivir sen violencias. Nesta ocasión ademais queremos prestar especial atención ao papel da muller no mundo do deporte, un ámbito no que teñen unha presenza cada vez máis evidente e importante pero no que aínda queda moito camiño por percorrer para conseguir a igualdade”.

Seguindo este fío condutor, durante todo o mes de marzo a Casa do Concello acollerá a exposición ‘Muller no Deporte’, unha mostra con 13 fotografías de deportistas rosaleiras de diferentes disciplinas retratadas facendo o que máis lles gusta. Así, o público poderá ver fotografías das xogadoras de balonmán Alba e Andrea Dapena, Ana Belén Díaz e Elena Estévez; da judoka Verónica Pérez; da ciclista e triatleta Montse Martínez; das futbolistas Cecilia Fernández e Sara Álvarez; das atletas Ariana González e Vanesa Martínez; da piragüista Andrea González; da nadadora Fanny Pose ou da ciclista e xogadora de balonmán Arantxa Gómez.

O deporte será tamén o escenario escollido para a lectura do manifesto con motivo do Día Internacional da Muller. Será o vindeiro 7 de marzo, no descanso do partido entre o Acanor Atlético Novás e o Club Handbol Bordils (19:00 horas), que arrancará coa actuación do grupo de percusión Trebón dos Xidos para logo dar paso á lectura dun dobre manifesto: Joaquina Cardoso, unha muller de 70 anos que tivo que pasar moitas vicisitudes na súa vida, e Sabela, unha estudante de 18 anos, muller nova e activa feminista ofrecerán “sen dúbida dúas visións moi diferentes sobre o pasado, o presente e o futuro se non se loita por esa igualdade tan necesaria”.

O 8 de marzo, no que se conmemora o Día Internacional da Muller, aproveitando a saída do Trail Muíños do Folón as deportistas participantes na carreira concentraranse detrás dunha lona alusiva ao 8M nun acto que terminará cunhas palabras da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

Concienciando aos rosaleiros e rosaleiras

As actividades programadas para conmemorar o 8M completaranse con diferentes accións para concienciar aos rosaleiros e rosaleiras de todas as idades. Así, este xoves 27 celebrarase ‘Igual a nós’, unha actividade de dinamización en igualdade organizada e financiada pola Xunta de Galicia na que participarán todas as persoas asistentes ao obradoiro de memoria do Rosal. Teatro, charla, debate e novas tecnoloxías funcionarán como eixo vertebrador dunha actividade innovadora a través da que se abordarán conceptos básicos sobre a igualdade.

Durante os meses de marzo e abril tamén se celebrará o ciclo de charlas ‘Ponte na súa pel’, cinco conferencias sobre igualdade e prevención da violencia de xénero dirixidas a comerciantes, clubs deportivos, profesorado, alumnado, asociacións de nais e pais, familias ou asociacións culturais, así como ao público xeral. Trátase dunha actividade con datas aínda por determinar que conta co financiamento do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade a través da Secretaría de Estado de Igualdade.

Como complemento a todas estas actividades o Concello do Rosal repartirá 100 camisetas e 500 chapas co lema ‘R – evolucionando mentes. O Rosal en feminino’ entre as persoas asistentes ao partido de balonmán do Novás, as persoas gañadoras do Trail ou aquelas persoas que compartan algunhas publicacións sinaladas no perfil de Facebook do concello.