O Rosal prepárase para homenaxear á lingua no Día das Letras Galegas. O vindeiro mércores 17 de maio, a Praza do Calvario acollerá un amplo programa de actividades de balde durante a tarde co que conmemorar esta data, que este ano busca recuperar a memoria e render tributo ao escritor Francisco Fernández del Riego. “Queremos que a veciñanza goce con nós da nosa lingua a través de actividades de lecer nun espazo tan propicio para a convivencia como a Praza do Calvario”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O programa de actividades comezará ás 17.00 horas cun espectáculo de teatro e danza para público infantil. As Armadanzas serán as encargadas de que o público remate ‘Bailando coa lingua’, unha proposta na que a cantante de Leilía, Montse Rivera, emprega como fío condutor un diálogo entre un mozo e unha moza nun tempo pasado, unha conversa en lingua galega que exemplifica como servía de base das relacións humanas xunto á música e ao baile. Con explicación sinxelas, As Armadanzas van introducindo danzas galegas e bailes-xogo de carácter tradicional que farán mover os pés a toda a familia.

Tras esta actuación chegará a quenda dos grupos de música locais Novo Orballo e Airiños de San Miguel, que ocuparán o escenario ás 19.00 horas. O grupo de pandeireteiras Novo Orballo achegará un amplo repertorio de canción populares galegas, sons tradicionais que recompilan una mostra do folclore galego, acompasado e arroupado polos aires da gaita, os toques de táboa e a pandeireta. Pola súa banda, Airiños de San Miguel traerá ao público os ritmos desta agrupación formada polos veciños e veciñas desta parroquia rosaleira.

A festa rematará ás 19.30 horas coa presentación do novo disco de Xistra de Coruxo, ‘Choven flores no Rosal’, un traballo homenaxe aos irmáns Flores cheo de muiñeiras, rumbas, pasodrobres, polcas… no que ten colaborado o Concello do Rosal.