O Servizo Galego de Saúde decidiu atrasar a aplicación do novo decreto que regula a actividade dos Puntos de Atención Continuada (PAC), unha medida que o colectivo «PACs Contra o Decretazo» atribúe directamente «á forte mobilización desenvolvida esta mañá diante da sede da Consellería de Sanidade, en San Lázaro».
Ao redor de medio milleiro de profesionais, entre eles médicas de familia, persoal de enfermaría, persoal de servizos xerais, celadoras, condutores e telefonistas, concentráronse para «rexeitar a imposición da obrigatoriedade de prestar asistencia os sábados pola mañá. A protesta contou co respaldo amplo do tecido sindical e de distintos colectivos profesionais», sinalan.
A decisión de aprazar a medida coñeceuse apenas minutos despois de rematar a concentración, coincidindo coa celebración da Mesa Sectorial na propia sede do Sergas. Segundo trasladan fontes do colectivo convocante, «a Administración optou por pospoñer a entrada en vigor do cambio, inicialmente prevista para os vindeiros días, abrindo así unha marxe temporal para a continuidade das negociacións».
Desde PACs Contra o Decretazo subliñan que “a resposta masiva do persoal foi determinante” para frear unha medida que consideran “inxusta e imposta sen diálogo”. O colectivo valora o atraso como un primeiro resultado da presión exercida, aínda que insiste en que o seu obxectivo segue a ser a retirada completa do decreto.
Ademais, advirten de que manterán a mobilización social e profesional nas vindeiras semanas. Entre as próximas accións, avanzan que trasladarán formalmente as súas reivindicacións aos espazos de negociación abertos e convocarán asembleas de traballadoras e traballadores tras a Semana Santa para avaliar novas medidas de presión.
O colectivo reitera que a reorganización dos PAC debe pasar por un proceso de diálogo real que teña en conta as condicións laborais do persoal e a calidade asistencial á cidadanía, e non por decisións unilaterais.
Fonte: Colectivo «Pacs Contra O Decretazo»
