A Deputación de Pontevedra acaba de coñecer o seu nomeamento como finalista nos Premios Cannes Corporate Media & Tv polo audiovisual 100% Rías Baixas, estreado en Fitur e co que está a promover a provincia por todo o mundo.
O vídeo, no que a auga é o fío condutor e producido por Esmerarte, foi finalista xunto con Suíza e Lituania na modalidade de produto turístico deste festival integrado no circuíto internacional do CIFFT (Comité International des Festivals du Film Touristique).
“Esta é unha semana de boas novas para o turismo na provincia –asegurou o presidente da Deputación Luis López-. Comezamos co premio de prata ao mellor spot turístico no Terres Travel Festival, continuamos cos datos de turismo que nos sitúan como líderes de Galicia e, agora, coñecemos que somos finalistas no festival de Cannes”. Neste festival 100% Rías Baixas competía con destinos de numerosos países como Canadá, Austria, Eslovenia, Suíza ou Lituania. O xurado do Cannes Corporate Media & Tv Awards valorou a calidade e creatividade na produción do audiovisual pontevedrés centrado na auga. Neste eido, Luis López remarcou que “a auga é na nosa provincia fonte de oportunidades e a ela debémoslle que os que nos visitan vivan experiencias 100% Rías Baixas”.
O Cannes Corporate Media & Tv Awards leva desde 2010 outorgando premios aos mellores audiovisuais corporativos e documentais do mundo. Entre o xurado encargado de valorar a calidade dos audiovisuais atópanse gañadores de premios tan recoñecidos como os Oscar ou Emmy. O festival forma parte do circuíto internacional do CIFFT, entidade apoiada por organismos internacionais como a OMT (Organización Mundial do Turismo), a ETC (Comisión Europea de Viaxes), a CTO (Organización de Turismo do Caribe) ou a CATA (Asociación de Promoción Turística de Centroamérica) , integrado por festivais de Xapón, Estados Unidos, Serbia, Francia, Croacia, Portugal, Grecia e Austria.