Gran partido o disputado polos Gondomar este domingo, onde a entrega e a competitividade de todos os xogadores, foi premiada cos tres puntos e o calor da dunha afición que se congregou con 50 siareiros. No cómputo xeral o equipo dirixido interinamente por Manu Cerón, foi moi superior e ben poido colleitar unha renda maior nun complicado campo, onde as medidas e a intensidade e bo facer do equipo rival, deron máis mérito ao triunfo miñorano.

Na primeira metade o Gondomar saíu moi enchufado, coa idea clara de poñerlle cerco á meta local e tentar abrir a lata o antes posible. Conscientes diso, Antón, Pablo Gul e Xabi Pereiro, puxeron as primeiras ocasións. Sería Pablo Ozores, quen fixo un encontro cheo de sacrificio, quen anotaría o 0-1 para os nosos, ao transformar un penalti cometido sobre un eléctrico Antón, que foi a cruz da zaga local. Co paso dos minutos o equipo mostrouse máis sólido e chegaron máis oportunidades para ampliar a renda, tanto en xogada como en accións de estratexia. Ao rival costáballe chegar á porta e na ocasión que dispuxeron, un atento Sebas evitou que o perigo fose a máis. Con ese resultado chegaríase ao tempo de lecer.

Despois do paso por vestiarios, os visitantes voltaron a saír moi enchufados, buscando o segundo gol que dese tranquilidade, e así en ocasións de Gul e Pereiro, mereceu facelo. Sen embargo nunha moi boa contra, os locais empatarían o encontro no que foi a única chegada de xogada ao área gondomareña da segunda metade. A partires de aí somentes houbo un equipo, o Gondomar CF.

O Nieto tentou sorprender colgando balóns en accións de estratexia dende campo propio ou con golpeos dende atrás, xogando co vento a favor, pero os onte vermellos estiveron moi acertados, e Sebas salvou outra ocasión de perigo. Dani Cabezas adiantaría novamente aos miñoranos co saque dunha falta, pero antes Xabi Pereiro tería dous mans a mans que desbataría ben Antonio, e Pablo Gul tamén gozou dun bo disparo. Ramilo tivo tamén a súa oportunidade e tras o gol de Dani, o Gondomar mandou un balón ao pao noutra ocasión moi clara. O marcador non se movería e os tres puntos van para o Gondomar CF, que volta a estar en postos de play off, e a tres puntos do liderado.