Nas próximas eleccións autonómicas, a formación morada xunto ao partido ecoloxista Alianza Verde, apoiados por Recortes Cero, presentan unha coalición encabezada pola exconcelleira de A Coruña, Isabel Faraldo, como candidata á Xunta de Galicia nesa Provincia e con Carmen Berzosa, a actualmente voceira de Podemos no concello de Cangas á cabeza pola de Pontevedra.

Unha candidatura que destaca por levar tres mulleres como cabezas de provincia, con Ximena Cheda por Lugo, agás no caso de Ourense, que será Víctor Ferreiro o que represente a formación de esquerdas.

O Val Miñor tamén terá representación nos tres Concellos. Na lista de Podemos por Pontevedra atopamos cinco nomes de veciñas e veciños, como é o número 2, o actual voceiro de Podemos en Baiona, Agustín Silva, a número 5 Antía Fernández, de Nigrán, Martín Silva, de Baiona, como número 12 e Bárbara Alonso “Tania”, de Vincios como número 13. Por último, pechando a representación miñorana, Sara Rodríguez, de Sabarís.

«Unha renovada candidatura na circunscrición de Pontevedra, cunha lista que incorpora persoas cunha forte vinculación no partido en moitas das comarcas pontevedresas, nunha clara mostra de implantación da marca Podemos no territorio. Entre os 22 titulares que conforman a lista, hai moitas incorporacións novas, e que ademais, presenta una clara aposta por perfís femininos, xa que da listade 22 persoas, 12 son mulleres e 10 homes«, din dende a formación morada.

En palabras do voceiro de Podemos Baiona e número 2 de Pontevedra, Agustín Silva; “Temos unha lista formada por xente preparada, con ganas de traballar dando voz no parlamento aos nosos veciños/as, aos que hoxe, as distintas Consellerías, seguen sen dar solución ás súas principais preocupacións, como son os problemas na procura de vivenda, as carencias no transporte e na sanidade pública, o aumento do prezo da cesta da compra, os custos dos servizos (luz, auga, etc..) ou a obtención dun emprego estable que permita desenvolver unha vida plena nas nosas vilas, entre moitos outros e nos que tamén están presentes o medio ambiente ou reforzar a sociedade con máis políticas feministas”.

As persoas que integran esta lista están presentes en diversos colectivos e sectores da nosa sociedade, «proba diso, se algo caracteriza á militancia de Podemos, é estar coa xente traballadora, coa xente humilde, que é a que primeiro sofre as desigualdades ás que nos teñen afeitos os Gobernos do PP en Galicia e no Estado, onde votaron NON a moitas das Leis que impulsamos desde Podemos (no anterior Goberno de coalición) e que beneficiaron claramente á clase traballadora», sinalan.

“O vindeiro 18 de febreiro pídoche que defendas as túas ideas, que o fagas depositando nas urnas o voto para Podemos Galicia, un voto inequivocamente de esquerdas e ecoloxista coa forza de Alianza Verde, co que, grazas ao teu apoio, cumpriremos o claro obxectivo de acabar coas políticas clientelares do PP de Feijoó e Rueda despois de 14 anos de parálise e desleixo na Xunta de Galicia«, conclúe Silva.