Primeiros auxilios na primeira infancia. É o titular do obradoiro impartido polo Servizo de Pediatría do Centro de Saúde de Tomiño a unha trintena de familias con fillos pequenos, desexosos de aprender como actuar ante accidentes domésticos, golpes e outros casos que requiran unha primeira atención sanitaria, antes da chegada do médico ou da ambulancia.

Dentro da aposta pola mellora dos servizos sociais municipais que leva adiante o Concello de Tomiño e coma unha nova acción do programa Medrando en Familia do Servizo de Educación e Apoio Familiar, o pasado mércores levouse a cabo un taller de Primeiros auxilios na primeira infancia, a cargo de Clara García Cendón e Mª Jesús Prado, médica pediatra e enfermeira do Centro de Saúde de Tomiño, respectivamente.

A sesión celebrouse no CRA Mestre Manuel Garcés, onde as expertas explicaron en detalle de forma teórico-práctica, a pais e nais, como actuar en caso de afogamentos, queimaduras, golpes, descargas eléctricas; métodos de reanimación, etc. Asemade, falouse de temas complementarios coma a saúde dental, a alimentación saudable e os bos hábitos.

A nota dominante entre as familias foi a participación constante para aclarar dúbidas e inquedanzas con respecto a todos estes temas.

A actividade contou con servizo de gardería, como vén sendo habitual, para un maior aproveitamento do obradoiro.

A seguinte actividade no programa Medrando en Familia é unha sesión teatral: “Martes” de Teatro Baobab, chegará ao auditorio de Goián o sábado 8 de xuño ás sete da tarde. A obra está destinada a nenos e nenas de entre tres e seis anos.

Completa o programa o obradoiro de “Estimulación no medio acuático”, impartido os días 22 e 29 de xuño na piscina municipal de Vila Nova de Cerveira.