Oia celebra a fin de semana do 13 e 14 de abril, a Ruta do Tapeo e a Camelia, que chega este ano á súa terceira edición cunha variada programación de actividades gastronómicas, culturais e de lecer.

Tapas a prezos populares, un festival internacional de corais, exposición de flores, visitas guiadas e actividades infantís son as súas principais propostas deste ano.

Durante o sábado e domingo, un total de 7 establecementos hostaleiros de Santa María de Oia ofrecerán tapas a 1 euro (bebida non incluída). Os locais participantes son:

  • Casa Puertas
  • Casa Henriqueta
  • A Camboa
  • Café-Bar Puertas
  • A Terraza do Mosteiro
  • Hotel A Raíña
  • Tapería A Riña.

A Ruta do Tapeo e a Camelia está organizada polo Concello de Oia e conta coa colaboración de distintos colectivos e entidades, como son a Asociación Ibérica da Camelia (AICAM), Costa dos Castros, a Asociación Galega de Fibrose Quística, a Coral Polifónica Vagalume e a Deputación de Pontevedra a través de Pontegal.

Programación

En canto á programación de actividades, o evento abrirase o sábado ás 10.00 horas coa colocación de exemplares de camelia na Oficina de Turismo e nos establecementos hostaleiros situados na parroquia de Santa María de Oia.

Ás 13.30 horas a Oficina de Turismo acollerá a inauguración da exposición da camelia e máis a entrega de diplomas aos expositores. Ademais, procederase á elección dos debuxos gañadores do concurso escolar sobre a Camelia.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas, comezará unha carreira infantil solidaria a favor da Asociación de Fibrose Quística e, tras esta actividade, ás 17.30 horas, haberá unha visita guiada ao barrio do Arrabal (contorna do Mosteiro de Oia) e aos petróglifos da Pedreira. Ademais, a exposición de camelias poderá visitarse entre as 16.00 e as 20.00 horas.

Como broche final da xornada, ás 20.00 horas celebrarase o Festival Internacional de Corais na igrexa parroquial de Santa María de Oia. Nel participarán a Coral Polifónica Vagalume (Oia), a Coral de Tabua (Portugal) e a Coral Polifónica Vivace (da Asociación Española Contra el Cáncer de Vigo).

O domingo día 14 de abril, de 10.00 a 13.00 horas na Oficina de Turismo, haberá un obradoiro infantil de elaboración de mosaicos. Ao término desta actividade (13.00 horas) farase a entrega de premios aos gañadores do concurso infantil de debuxo. Finalmente, a exposición de camelias poderase visitar entre as 10.30 e as 20.00 horas.

Inscricións para as actividades infantís

Tanto a carreira infantil (dirixida a nenos e nenas de 3 a 14 anos) como o obradoiro de mosaicos (a partir de 10 anos) son gratuítos, se ben requiren inscrición pois as prazas son limitadas.

As persoas interesadas nestas dúas actividades infantís poderán informarse e apuntarse no Concello (teléfono 986362125). O prazo de inscrición remata o 10 de abril.

Visitas guiadas gratuítas

En canto ás visitas do sábado, serán guiadas pola Asociación Costa dos Castros. Desenvolveranse de xeito gratuíto e non precisan inscrición.

O percorrido polo barrio do Arrabal comezará ás 17.30 horas e, ao rematar, farase unha visita aos petróglifos da Pedreira.