tecendo lazos

Os concellos de Nigrán e Oia veñen de abrir os prazos de inscrición en diversos obradoiros do programa “Tecendo Lazos 2018”, impulsado pola Deputación de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa que consiste en realizar talleres nos municipios adheridos para promover espazos de encontro entre as distintas xeracións familiares, sensibilizando e intercambiando aprendizaxes, recursos e ideas.

En Nigrán está aberta a inscrición, ata o 10 de decembro, no Rexistro Xeral do Concello, para un taller de “Panxoliñas e bailes tradicionais”.

“Creación de xoguetes tradicionais” é o obradoiro que se vai desenvolver en Oia. As persoas interesadas poden anotarse, ata o 14 de decembro, no propio Concello.

Tecendo Lazos” diríxese aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que se adheriron ao programa e que nesta edición son 38. Este ano sumáronse 12 concellos máis a esta iniciativa, xa que en 2017 participaron en “Tecendo Lazos” 26 municipios da provincia. En concreto, o ano pasado tomaron parte nos distintos obradoiros realizados un total de 534 persoas, cunha media de entre 19 e 20 persoas en cada un dos talleres realizados.