A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar máis de 2,3 millóns de euros para que 15 concellos da provincia contraten a 172 persoas desempregadas ao abeiro da liña 3, de activación do emprego, do Plan + Provincia.

Benefícianse destes recursos Caldas, Covelo, A Illa de Arousa, Lalín, Mondariz, As Neves, Oia, Pazos, O Porriño, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Silleda, Tui e Vila de Cruces. “Nun mes –remarcou o presidente provincial Luis López- temos concedido xa 3,1 millóns para que 22 concellos da provincia poidan contratar a 253 persoas. Trátase de algo máis do 33,5% da liña 3 do Plan +Provincia, dotada con 9,25 millóns de euros, polo que seguimos dando pasos cara adiante nese modelo de pontes tendidas e de avance da provincia”.

Nesta Xunta de Goberno aprobouse destinar 219.000€ a Tui para contratar a 16 persoas que ocuparán os postos de peóns de horticultura (14), oficial carpinteiro (1) e oficial fontaneiro (1).

Pola súa banda O Porriño, con 210.000 €, contratará a 17 persoas que traballarán como peóns forestais (6), conserxes (3), peóns de obras públicas (2), analista de xestión (1), publicista (1), auxiliar enfermeiro (1), oficial de albanelería (1), oficial de soldador (1) e  oficial de carpintería (1).

A achega para O Rosal ascende a 123.000€ para 9 persoas que traballarán como peóns de limpeza (4), oficiais de obras (3), auxiliar de axuda no fogar (1) e oficial electricista (1).

Ademais, no marco destes recursos aprobados en Xunta de Goberno ao abeiro da liña 3 do Plan +Provincia, Oia recibirá 101.000€ para contratar a 7 persoas como peóns forestais (4), albaneis (2), condutor operario de maquinaria forestal (1).