Os bombeiros comarcais de toda Galicia comezarán unha folga indefinida ás portas do verán para reclamar que se cumpra a sentenza do ano pasado do Tribunal Supremo para a conversión a persoal laboral fixo de todos os efectivos, así o decidiron os máis de 250 traballadores en asemblea xeral celebrada este luns.

O portavoz da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia Ángel Moldes (CIG) sinala que «non hai avance ningún» nas mesas de negociación abertas coas Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo.

Do mesmo xeito, o seu obxectivo é presentar unha negociación de convenio único á Xunta para igualar as condicións dos postos de traballo de todas as provincias. Dentro de dez días está marcado o inicio da folga, unha «folga á xaponesa», polo que «todos» irán traballar na súa quenda, pero sen realizar traballos fóra de horas ou quendas de 24 horas como «cando ardeu O Courel, con todos os bombeiros que estaban de días libres, e iso non vai pasar», advirte Moldes.

Os sindicatos alegan que as administracións «nin cumpren os seus servizos mínimos», pois hai parques onde non chegan ao mínimo que consideran necesario para realizar as súas tarefas. Actualmente, os bombeiros do consorcio de Pontevedra, incluído Porriño, xa están en folga, cuns servizos mínimos marcados no 100%.

Aínda que os bombeiros comarcais non teñen como función os incendios forestais, «sempre se bota man» deles para «dar auga aos compañeiros forestais«. Agora, sopesan convocar unha manifestación proximamente, xa que «as medidas de presión irán ‘in crescendo’ segundo as vaiamos precisando», avisa Moldes.