O Centro educativo IES Indalecio Pérez Tizón de Tui está satisfeito coa resposta das empresas acollendo ao alumnado para a formación de FCT, e por outra banda, o alumnado está demostrando que os coñecementos adquiridos nestes ciclos son vitais para conseguir un posto de traballo que na maior parte das prácticas rematan con emprego. Tanto o Ciclo medio de Actividades Comerciais, o Ciclo Superior de Xestión de Vendas e o Ciclo Medio de Electricidade contan cunha empregabilidade que supera o 80%.
No caso dos ciclos de Comercio, o profesorado ten experiencia no sector privado, polo que dende o departamento de Comercio e Marketing fórmase ao alumnado dun xeito práctico e dinámico nas novas tecnoloxías e no novo comportamento de compra dos consumidores.
Por outro lado, a coordinación Erasmus do departamento de Comercio e Marketing do IES Indalecio Pérez Tizón leva todo este curso traballando nos programas ERASMUS + de mobilidade de alumnado e profesorado dentro dos países da Unión Europea. Estas mobilidades consisten na formación en empresas en calquera país europeo.
Así, a partir do mes de xullo tres alumnos do Ciclo Medio de Actividades Comerciais irán nove meses a Italia a realizar prácticas nunha empresa dese país no marco do programa da Erasmus da Deputación de Pontevedra.
No caso o Ciclo Medio de Actividades comerciais e Ciclo Superior de Xestión de Vendas do IES Indalecio Pérez Tizón, o alumnado queda gratamente sorprendido ao rematar a súa formación. «Non esperan aprender de xeito tan práctico, dinámico, con tantas actividades didácticas e lúdicas, tanto no centro coma fora do centro, levando a cabo proxectos, traballo en equipo, aprenden a negociar, oratoria a realizar selección de persoal, a expor en público, fomentando o liderado. Hoxe en día as empresas necesitan persoas con poder de decisión, motivadoras de grupos de traballo, dinámicas con visión empresarial, que sexan quen de resolver conflitos e que leven a bo porto os obxectivos das empresas«, sinalan desde o centro tudense.
Nos últimos anos os ciclos de Comercio e Marketing do IES Indalecio enfocouse na área das novas tecnoloxías, «a evolución polas que están a pasar as tendas físicas e ás tendas on line, polo que nos módulos aplícanse coñecementos sobre comercio electrónico, marketing dixital, aplicacións informáticas, incluso a Intelixencia artificial. Prepárase ao alumnado para a actual vida laboral», apuntan.
Afirman desde o centro que «neste último curso fixéronse numerosas excursións, e unha moi especial é a visita a Fitur, en Madrid, cos de ciclo superior. Tamén visitaron Zona Franca, o Porto de Vigo, Pull and Bear, Casa Grande de Xanceda, Etiqueta Negra, Conxemar, visita a centros formativos de Portugal, etc., incluso actividades de cohesión de grupo como é “Humor amarillo”.
Segundo indica o responsable do departamento de comercio e marketing, Daniel Fonterosa, “temos un xeito de ensinar diferente, actual, con proxectos innovadores coma o concurso simulador empresarial young business talent”.
As empresas valoran dun xeito moi positivo estes coñecementos engadidos, que fan que moitas veces sexan o propio alumnado, durante as prácticas, os que visualizan as oportunidades de mellora das empresas, «polo que os responsables das empresas valoran moito estas competencias adquiridas e a maior parte do alumnado é contratado pola empresa unha vez rematan as prácticas, algúns con beca FEUGA e outros incluso de xeito indefinido», explican.
Estes ciclos tamén son un trampolín para aquelas persoas que desexan facer un grao universitario, xa que lles convalidan moitas disciplinas, é o caso do Grao en Comercio ou Administración pública e Ade.
Aseguran desde o Pérez Tizón que «no caso do Ciclo Medio de electricidade a maior parte dos módulos son prácticos adaptados ás necesidades empresariais e igual que no caso dos ciclos de Comercio e Marketing, practicamente todo o alumnado remata o ciclo xa cun posto de traballo».
A experiencia destes anos é cada vez máis alentadora no que se refire ás posibilidades que ofrece a Formación Profesional, tanto para conseguir traballo na contorna como para traballar no estranxeiro, así como a posibilidade que ofrece para continuar con estudios.
O Centro solicitou á Xunta a Aula de Emprendemento, «polo que para o ano 2023-2024 continuarase coas iniciativas innovadoras, planificando numerosas actividades prácticas e lúdicas, así como a realización de proxectos empresariais coa posibilidade de axudar, ao alumnado que o desexe, a por en marcha o proxecto como iniciativa emprendedora, por medio de subvencións e axudas ao emprendemento».
O período de inscrición ábrese o 23 de xuño e pódese contactar con Instituto no número 886 110 749 e na súa web e instagram onde se poderase visualizar numerosas actividades.
