O Grupo Municipal do BNG na Guarda segue a acusar ao alcalde socialista de “irresponsabilidade tras seguir interferindo de forma clara nas áreas de competencia exclusiva dos nacionalistas». Tras a reunión mantida coa Comisión de Seguimento do pacto de goberno convocada polo BNG, os concelleiros do grupo “constatamos unha vez máis que o alcalde non vai cesar na súa actitude nin na súa intención de seguir interferindo nas nosas competencias”.

Os nacionalistas aseguran que «nas últimas eleccións municipais a veciñanza da Guarda votou un cambio de rumbo que se traduciu na entrada do BNG no goberno municipal con cinco concelleiros, un reto que se asumiu dende o primeiro día cunha actitude positiva e colaborativa».

«Durante estes tres meses os concelleiros do BNG fixeron todo o posible por levar adiante o pacto de goberno, pacto que ante as inxerencias do alcalde non é viable. O BNG non chegou aquí para ser cómplice das políticas continuístas levabas a cabo, por iso solicitamos a baixa na Seguridade Social e renunciamos ao salario, así como ás funcións de Goberno”, apuntan.

Para o portavoz nacionalista, Anxo Baz, “as políticas que desenvolve o PSOE prexudican gravemente á veciñanza da Guarda porque impiden levar adiante o proxecto posto en marcha polo BNG, un proxecto que busca investir en calidade de vida e en benestar social e que ten como eixo central desenvolver espazos que contribúan a atoparse a un mesmo e a relacionarse coa contorna natural e humana. En definitiva, dar pasos cara adiante para situar A Guarda no modelo de concellos que apostan sen titubeos polo futuro”.

Anxo Baz quixo destacar que, pese a situación, “non renunciamos a seguir traballando por un modelo de futuro para A Guarda que, antes ou despois, estamos convencidos de que vai a chegar”.