A comezos de xullo os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño mantiveron unha reunión para falar da situación da sanidade pública na comarca, solicitando unha reunión co Conselleiro de Sanidade. Jesús Vázquez Almuiña. Dende entón seguen esperando unha resposta.

O tema que protagonizou hoxe a reunión da Mancomunidade (Tui, Tomiño, A Guarda e O Rosal) foi a situación de precarización da sanidade pública, e a preocupación existente pola falta de medios materiais e persoais. Os alcaldes e alcaldesas non entenden como a Consellería pode seguir sen responder á solicitude de reunión co Conselleiro de Sanidade.

A Mancomunidade do Baixo Miño reclama publicamente «unha resposta inmediata á solicitude de cita co Conselleiro de Sanidade o Sr. Vázquez Almuiña«. A sanidade pública é un dereito e debera ser unha prioridade por parte da Xunta de Galicia. Trátase da saúde e en definitiva da vida das persoas.

Desde a Mancomunidade consideran que é inconcibible que o Conselleiro non responda á solicitude de reunión dos representantes públicos da veciñanza do Baixo Miño.