Hoxe tivo lugar en Caminha unha reunión entre Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal, Sara Vicente Salcidos, concelleira de Cultura e Medio Ambiente e Miguel Alves, presidente da Cámara Municipal da localidade portuguesa.

O obxectivo desta reunión é comezar a tender pontes entre a Cámara e o Concello do Rosal para conseguir traballar de xeito colaborativo no ámbito da programación lúdica, cultural e deportiva de ambos municipios.

“Para nós é moi importante que o Río Miño deixe de ser unha barreira e se converta nun espazo transfronteirizo cheo de oportunidades, polo que é fundamental comezar a traballar conxuntamente entre ambas marxes do noso río propiciando un entorno que favoreza unha maior dinamización dos nosos pobos”, sinalou a rexidora rosaleira.

«Nas próximas datas teremos o pracer de contar no Rosal coa visita do equipo de goberno e o presidente da Cámara de Caminha co que comezaremos a traballar conxuntamente«, finaliza Fernández.