Despois de que durante toda a última lexislatura o Concello de Tomiño reclamase a implantación do Plan de Banda Larga de Galicia 2020 para municipio, na actualidade as obras necesarias están en plena execución por parte da compañía R Galicia.

No núcleo de Tomiño estanse a levar a cabo os traballos de obra civil para a rede de distribución no Seixo, Barro e Cotro. Paralelamente, estase a acometer o cableado e tendido de fibra óptica; tarefas que se estenderán até o mes de xuño.

Concretamente, estanse a facer as obras civís de canalización no núcleo de Goián, as que se prevé finalizar a finais deste mes, segundo informa o concelleiro Antonio Tartaglione, responsable das áreas de Promoción Económica e Réxime Interior. Estas obras corresponden á rede de distribución para dar servizo aos núcleos de A Gándara e Tollo; Avenida Ordoñez e Brasil. En paralelo a estes traballos, se está a acometer, tanto en Goián coma en Tomiño, o cableado e tendido de fibra óptica, que se estendera até o mes de xuño.

Comezarase tamén a partir desta semana a obra civil da rede de distribución no núcleo de Tomiño, necesaria para dar servizo aos núcleos de O Seixo, Barro, e Cotro.

O proxecto ten agora mesmo dúas compoñentes que condicionan o prazo no que se comezará a dar servizo: por un lado, a finalización do tendido da troncal de fibra óptica para chegar aos núcleos de Goián e Tomiño, dende A Guarda pola estrada xeral (avanzado ao redor do 60%, correspondente á parte máis problemática xa executada) que podería rematarse en poucas semanas se non xorden atrancos imprevistos. E por outro, dispoñer de tensión eléctrica nos armarios de comunicación instalados en Goián e Tomiño.