Os Socialistas da Guarda convocan unha reunión aberta para escoitar aos negocios locais. Esta convocatoria xorde tras a moción presentada polos socialistas en novembro de 2024, na que se solicitaba a comparecencia en pleno do Concelleiro de Empresa e Comercio, «que pasou todo o ano 2024 fóra de España por motivos laborais. Esta ausencia, que impediu ao concelleiro asistir a un total de 15 plenos, tamén derivou nun manifesto abandono das áreas das que é responsable«, indican.
«A moción – din os socialistas – foi aprobada, a pesar do voto en contra do Partido Popular, polo que a comparecencia do concelleiro deberá ter lugar no pleno de finais de xaneiro, onde os socialistas esperamos poder trasladar ao goberno municipal as necesidades, preocupacións e propostas dos negocios locais».
Fátima Rodríguez destaca que “O Grupo Socialista considera fundamental que se escoite a voz das empresas e autónomos da Guarda, xa que representan unha peza clave no desenvolvemento da nosa vila. Ante a falta de atención do goberno local ás súas necesidades, comprometémonos a ser un enlace activo para trasladar as súas inquedanzas, propostas e preocupacións ao pleno municipal, esixindo medidas concretas que impulsen o futuro económico e social da Guarda”.
A reunión terá lugar o mércores 15 de xaneiro no Centro Cultural da Guarda, con dous horarios para facilitar a asistencia de diversos tipos de negocio:
- 1ª convocatoria: 17:30 horas
- 2ª convocatoria: 20:40 horas
Agradécese que as persoas interesadas en asistir confirmen a súa presenza a través do WhatsApp 684 783 645 ou por correo electrónico socialistasdaguarda@gmail.com, indicando nome, empresa e a hora á que asistirán.
As persoas que non podan asistir terán a oportunidade de compartir as súas inquedanzas e propostas a través dunha enquisa online que estará dispoñible ata o día 27 de xaneiro na seguinte ligazón: Enquisa
