Na tarde do 26 de novembro tivo lugar a charla coloquio para conmemorar o 25N que tivo como eixo a violencia de xénero no rural.

Organizado polo PSdeG-PSOE de Tomiño, o acto contou con Rosa Arcos Caamaño, ex Presidenta de Fademur Galicia e na actualidade Secretaria Xeral e Directora de Proxectos desa entidade, referente da loita feminista galega pola igualdade real e efectiva e militante do activismo social e do asociacionismo.

Deu a benvida aos asistentes a Secretaria Xeral da Agrupación Socialista que lembrou a necesidade de alzar a voz máis que nunca contra as violencias machistas ante os discursos negacionistas que pon en risco a vida das Mulleres, e alertou do perigo «dos recortes en políticas de igualdade, como o levado a cabo pola Deputación de Pontevedra que carrexarán a merma de recursos, especialmente nos núcleos rurais».

A Secretaria de Igualdade da Comisión Executiva Municipal, Nandi de Santiago, presentou e moderou a charla, facendo un percorrido polo extenso currículum de Rosa Arcos Caamaño e incidiu en como o territorio inflúe no xeito no que se percibe, se vive e se enfronta a violencia machista e é urxente que as Administracións poñan a disposición das persoas que habitan nos núcleos máis pequenos, medios e ferramentas que permitan ás vítimas saír e deixar atrás esas situacións de violencia.

Así o corroborou Rosa Arcos, que debullou os datos e as cifras que arroxa a Actualización da Enquisa sobre a percepción de violencia de xénero no rural.

Os resultados son moi claros:

  • As mulleres do rural galego séntense desprotexidas fronte a violencia machista.
  • Menos dun terzo dos Concellos Galicia dispoñen dun CIM
  • Máis do 47% das vítimas de violencia machista leva nesa situación máis de 10 años
  • O 62’5% dos asasinatos machistas producidos en Galicia dende 2020 sucederon en municipios de menos de 20.000 habitantes.

A ponente respostou tamén preguntas e aclarou dúbidas das asistentes que remataron conversando e tomando un viño galego, emprazando a Rosa Arcos a volver, «pois soubo a moi pouco».