Os grupos municipais socialistas da Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui, de maneira coordinada e tras un traballo conxunto, presentarán nos cinco concellos unha moción para esixir á Xunta de Galicia unha mellora profunda do transporte público na comarca do Baixo Miño.
A iniciativa, articulada a través da Coordinación Comarcal do PSdeG-PSOE, responde ás «numerosas queixas veciñais e aos resultados dunha enquisa cidadá realizada entre persoas usuarias de todos os municipios da comarca«, din. Aseguran que o estudo «revela carencias graves na mobilidade: conexións deficientes con Vigo, o CUVI e os hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro; frecuencias insuficientes; autobuses saturados en horas punta; e dificultades de acceso a servizos esenciais, especialmente nas parroquias con menor densidade poboacional».
Entre os datos máis destacados, a maioría das persoas participantes valoran con entre 1 e 3 puntos (sobre 5) as conexións cos hospitais e co campus universitario, e unha parte significativa asegura ter «quedado sen poder subir ao autobús nalgunha ocasión por falta de prazas».
A moción que se presentará nos cinco concellos para ser debatida nos próximos plenos ordinarios, insta á Xunta a incorporar «estas necesidades reais na planificación e na nova licitación das concesións de transporte, recentemente alterada tras rescisións de servizo no sur da provincia».
As principais medidas que se propoñen son:
- Reforzo das frecuencias en días laborais e fins de semana.
- Liñas directas e cadenciadas cos hospitais e co CUVI.
- Implantación de servizos a demanda nas parroquias e franxas de menor mobilidade.
- Avances en accesibilidade e información en tempo real.
- Mecanismos de control e penalización por incumprimentos das empresas concesionarias.
Ademais, a proposta inclúe a creación dunha Mesa Técnica Comarcal do Baixo Miño, con presenza da Xunta, dos concellos e das empresas de transporte, para avaliar a situación, priorizar melloras inmediatas e establecer indicadores públicos de calidade do servizo.
A Coordinación Comarcal subliña que esta acción conxunta “é un exemplo do compromiso dos cinco grupos municipais socialistas coa defensa dunha mobilidade digna e accesible, que garanta o acceso da veciñanza á sanidade, á educación, ao emprego e ao conxunto dos servizos públicos”.
